Uns obradoiros que xa se converteron nunha actividade habitual que as concellerías de Educación e Cultura poñen en marcha periodicamente, tanto pola súa boa acollida como polos beneficios que implica para os participantes, que “aprenden a perder a vergonza de falar en público e o medo escénico, e melloran a súa xestualidade e capacidade de interpretación como unha forma de iniciarse no mundo do teatro” explica a edil de Educación, Pilar Armada.
Aínda así, tamén cabe lembrar que hai moitos participantes que repiten, xa que teñen acudindo a estes obradoiros en anteriores edicións, como as postas en marcha no Nadal ou no Outono Cultural, todas co mesmo obxectivo de “achegar esta arte escénica aos máis pequenos e espertar o seu interese polo teatro” remata Armada. Un obradoiro que comezou a impartirse o 26 de abril e que aínda ten por diante as xornadas do 10, 24 e 31 de maio e o 7 de xuño na Casa da Cultura.
Certame infantil
Ademais, a Concellería de Cultura lembra tamén que ata o 10 de maio segue aberto o prazo para presentar os traballos para o Certame de narración e debuxo infantil con motivo do Día das Letras Galegas que convoca a Biblioteca Municipal. Nel poden participar todos os nenos e mozos ata os 16 anos que decidan presentar ou ben un debuxo ou ben unha narración, podendo achegar cantos traballos desexen de ambas modalidades. Iso si, as narracións deben estar escritas en galego cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara e axustándose ao tema “A toda máquina”. En canto aos debuxos, deben estar feitos sobre cartolina de tamaño DIN A-4 sobro o mesmo tema mencionado. Cada traballo presentado debe ir acompañado dunha folla cos datos persoais do autor. Á hora de seleccionar os premiados establécense tres categorías: ata os 8 anos; de 9 a11 e de 12 a 16 anos.
Os traballos deben ser entregados na Biblioteca Municipal de San Cibrao. Cabe lembrar que se trata dun certame convocado a nivel local e que os tres mellores traballos de cada categoría serán premiados e pasarán á fase provincial convocada pola Biblioteca Pública de Lugo.