Site icon Crónica3.com A Mariña

Variedade de actividades para celebrar o Día do Comercio Xusto en Ribadeo

AMARANTE Setem, o Sindicato Labrego Galego e o grupo de consumo As Grelas organizan o Día Internacional do Comercio
Xusto 2013 co lema “Mulleres na defensa do comercio xusto no Norte e no Sur”

Paneis informativos da situación da muller, actividades en lembranza das vítimas de Bangladesh, mercados transparentes, mesas redondas entre grupos de consumo e produtoras e café xusto serán as actividades que realizarán

Co lema “Mulleres na defensa do comercio xusto no Norte e no Sur”, a Asociación AMARANTE Setem, o Sindicato Labrego Galego e o grupo de consumo As Grelas organizan a Semana Galega de Comercio Xusto cunha serie de actividades en Ribadeo nas que se visibilizarán o traballo feito polas mulleres na loita pola igualdade e en defensa dun comercio xusto.

A situación da muller

A lacra de accidentes e de mortes no sector da confección global, onde a derradeira traxedia en Bangladesh morreron mais de 700 persoas no derrubamento na fábrica do téxtil Rana Plaza (e que con toda probabilidade chegará ás 900), sendo a maioría mulleres, deixa ó descuberto os abusos e a pouca importancia que se lle da a un sector fortemente feminizado, sendo case o 85% das persoas traballadoras mulleres. A deslocalización do téxtil exportou un modelo discriminatorio coa muller, de explotación e de abuso onde se siguen rexistrando intimidación, abuso sexual, e explotación infantil.

No sector da alimentación podemos dicir que aínda non foron equiparados os dereitos de homes e mulleres nos dereitos da terra e de produción, cando suelen ser as mulleres as que traballan a terra, a titularidade da actividade económica e incluso da terra está en man dos homes.

Dende o seu inicio o comercio xusto estivo na vangarda da defensa da muller, na promoción de reformas xurídicas e políticas e do apoio a proxectos que melloren o poder económico das mulleres e ampliación das súas opcións de vida. O empoderamento das mulleres demostrou que contribúe á saúde e a produtividade das familias e de comunidades enteiras e unhas mellores perspectivas para as seguintes xeracións.

Por iso no Día Internacional do Comercio Xusto denuncian e solidarízanse coas vítimas dos últimos accidentes en Bangladesh e demandar o apoio á sociedade para que as marcas asinen o Acordo de Seguridade nas fábricas neste país. Porán candeas en memoria das vítimas, repartirán información sobre as mortes neste sector e as marcas involucradas.
E doutra banda visualizarán outro modelo de comercio e mostrarán outro xeito de entender o mercado a través do traballo e de experiencias de éxito de actividades onde a muller é o centro tanto no Norte como no Sur con paneis sobre testemuños e exemplos de Ecuador, India, Chiapas e Galiza.

ACTIVIDADES

Para visualizar estas situacións de comercio xusto e ofrecer alternativas éticas organizáronse as seguintes actividades en varias cidades galegas vencelladas ao Día Internacional do Comercio Xusto na que tamén participan outros colectivos, e onde se exporán paneis informativos sobre a realidade da muller:

MERCADOS TRANSPARENTES
Na que se exporán produtos locais de produtos de comercio xusto.

RIBADEO:
Sábado 11 de maio. Praza de Abastos
Hora: de 10:30 a 14 h.
Organizan: Amarante Setem, Sindicato Labrego Galego e As Grelas
Acción de rúa: candeas en memoria das vítimas do derrebumento na fábrica téxtil en Bangladesh

MESA REDONDA:
“Consumindo confianza. Encontro de grupos de consumo responsábel”. As Grelas, Karricanta, A Casa Azul.
Hora: 12:30-14:00 horas

Un produto emblemático da nosa sociedade: o azucre.

Todos os anos a Coordinadora Estatal de Comercio Xusto elixe un produto característico da sociedade actual para pór de relevo o que se agocha detrás da sua produción e ao mesmo tempo destacar as vantaxes de consumir comercio xusto, e neste ano 2013 o produto elixido é o azucre.

A historia e realidade do azucre remítenos á dun sabor básico, doce, así como aos seus valores positivos asociados, pero tamén aos tempos da escravitude, á explotación laboral nas plantacións de cana ou ás desigualdades e amarga pobreza que hoxe seguen caracterizando a súa produción e comercio. O consumo mundial medio de azucre por habitante rolda hoxe os 24 quilogramos anuais, máis de 30 nos países enriquecidos. A industria do azucre é hoxe un complexo sistema comercial no que interveñen, entre outros moitos actores e etapas, labregos, muíños, refinerías, exportadoras, importadoras, distribuidores de todo tipo, normativas, acordos comerciais, empresas transnacionais e mercados financeiros nos que se fixa o seu prezo internacional. O comercio globalizado de azucre e os seus derivados xera 70.000 millóns de dólares anuais e está copado por unha presa de empresas transnacionais, algunhas delas en activo desde os tempos da escravitude.

O azucre de Comercio Xusto asegura salarios dignos e iguais tanto para homes como para mulleres, a ausencia de explotación laboral, especialmente a infantil que adoita estar presente neste tipo de plantacións, uns prezos de compra xustos para os seus produtores, a non utilización de transxénicos e produtos químicos agresivos nos cultivos, a durabilidade das relacións comerciais entre produtores do Sur e importadoras do Norte, a prefinanciación das colleitas e o respecto pola biodiversidade.

Exit mobile version