Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia da Deputación adicará 77.000 euros á dinamización turística de Mondoñedo, garantindo a continuidade da Cova do Rei Cintolo

Antonio Veiga e Orlando González nas Covas do Rei Cintolo 230 de maio de 2013. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobará mañá o Plan de Dinamización Turística de Mondoñedo que permitirá por en valor e aproveitar as potencialidades da vila para convertela en referente turístico e ao que a Vicepresidencia da institución dedicará 77.000 euros.

Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación e delegado de Benestar Social e Deporte, avala a necesidade deste Plan de Dinamización Turística asegurando que “Mondoñedo ofrece un amplo abano de valores históricos, culturais e ambientais que deben actuar como motor para converter á vila en destino turístico punteiro da comarca e dese xeito reactivar a súa economía. Para que iso se logre, este proxecto que se aproba establece un plan de acción concreto que ten en conta as fortalezas e debilidades de Mondoñedo e que garante que estamos a facer unha importante inversión pero que esta será eficaz. Desde a Vicepresidencia creemos que esta Plan de Dinamización será unha ferramenta clave para fomentar un desenvolvemento turístico sostíbel e acertado para todo o concello.”

Grazas a este Plan de Dinamización Turística de Mondoñedo, que se pon en marcha en colaboración co Concello, garántese que a Cova do Rei Cintolo continúe aberta permitindo ofertar un paquete turístico que conxuga natureza e aventura en canto a é o maior xacemento espeleolóxico do país e que, ademais, conta cunha historia determinante. Outra das accións concretas que establece este Plan é a recuperación e posta en valor da Rota da Auga, un roteiro de máis de 10 quilómetros que se inicia no Centro de Interpretación situado na aldea de Vilar, pasa polo Salto do Coro e remata na Cova do Rei Cintolo.

Veiga chama a seguir impulsando un novo modelo turístico baseado en plans concretos centrados na promoción da natureza e do patrimonio histórico e cultural. Os datos avalan a decisión da Vicepresidencia da Deputación de apostar por este tipo de turismo, xa que, nos últimos catro anos, o turismo de natureza creceu ao redor dun 8 por cento en todo o mundo. Esta modalidade move gran número de turistas pero tamén de afeccionados á ecoloxía, á historia e ao deporte de aventura.

“Mentres o Partido Popular –concluíu- aposta pola supresión dos concellos do rural, desde a Vicepresidencia da Deputación apoiamos actuacións encamiñadas a fomentar a economía, que inciden na creación de emprego e, polo tanto, contribúen a garantir o benestar do pobo.

Valoración do Concello

O responsábel dás áreas de Cultura e Turismo de Mondoñedo, Xusto Fernández, valora positivamente esta iniciativa da Vicepresidencia da Deputación e asegura que “este Plan de Dinamización Turística contempla actuacións singulares e de especial transcendencia para a vila que coinciden coas liñas de actuación nas que xa está traballando o Concello”.
Fernández salientou a importancia de accións destinadas á formación de emprendedores no eido do turismo que non só contribuirán ao desenvolvemento turístico senón tamén á creación de postos de traballo.

Exit mobile version