Site icon Crónica3.com A Mariña

O CENTRAD ofrece actividades para todas as idades nos “Obradoiros Infantís” e os cursos de “Artesanía nos Concellos”

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou hoxe novas actividades que o CENTRAD ten programadas. Trátase dunha nova edición dos xa tradicionais Obradoiros Infantís, destinados a nenos de entre 5 e 15 anos e que terán lugar nos meses de verán, coincidindo coas vacacións escolares, e máis os cursos de artesanía para adultos que se celebrarán a vindeira semana en varios Concellos da provincia. Ambas accións responden ó mesmo obxectivo de achegar o mellor da tradición artesanal e o patrimonio a todos os lucenses, “sen ter en conta idades ou capacidades”, tal e como destacou Polín.

A Deputada da Área subliñou que “os obradoiros infantís son unha das moitas actividades que organizamos no Centro de Artesanía, pero sen dúbida é a máis satisfactoria, xa que cada edición son moitos os nenos que pasan aquí un tempo de lecer distinto, coñecendo o mellor da nosa tradición. Con cada nova edición, as familias fannos chegar os seus parabéns por ter estas actividades orixinais, que ademais supoñen unha gran axuda para organizar o tempo de nenos e pais durante as vacacións”. Polín tamén salientou o feito de que as prazas dispoñiblen adoitan esgotarse ás poucas horas de aberto o prazo de inscrición. “Esa é a mellor demostración de que estes obradoiros son un éxito asegurado”

Este verán, os nenos que participen poderán optar por actividades como o traballo con coiro, a cerámica, a cestaría, o reciclaxe, o feltro ou o graffiti. Son 12 cursos didácticos, totalmente gratuítos, dirixidos a rapaces de 5 a 15 anos, que se desenvolverán nas instalacións do Centrad, na travesía da rúa Chantada da capital luguesa, dende o 1 de xullo ó 30 de agosto en varias quendas: do 1 ó 5 e do 8 ó 12 de xullo, e do 19 ó 23 e do 26 ó 30 de agosto. Novamente, os cursos están distribuídos segundo as idades e capacidades dos rapaces:

– Obradoiros para nenos de 5 a 8 anos. Neste caso haberá dúas temáticas diferentes: Iniciación á cerámica e Crear e reciclar. No primeiro deles poderán modelar arxila con diferentes ferramentas, para elaborar obxectos que cocerán nos fornos da aula de cerámica. No segundo, confeccionarán obxectos con materiais de refugallo empregando cada día novas técnicas e ferramentas.

– Obradoiros para nenos de 8 a 11 anos. Neste caso, as actividades serán Artesanía en coiro e Iniciación á cestaría. Co coiro poderán fabricar os seus propios obxectos con este material, coma carteiras, pulseiras ou monedeiros. No curso de cestaría, fabricarán os obxectos que imaxinen con materiais coma médula de roten e tabliñas de madeira pintada.

– Obradoiros para nenos de 11 a 15 anos. Os obradoiros dispoñibles para os maiores son “Obradoiro de graffiti” e “Fai o teu pano de feltro”. No cursiño de graffiti empregarán sprays para facer as súas obras en paneis de DM, logo de ter amenas clases nas que aprenderán sobre a historia, técnicas e experiencias de artistas do graffiti. No segundo deles aprenderán a esquilar unha ovella para logo levar a cabo todo o proceso de elaboración do feltro, dende o lavado, tinguido e cardado.

Prazas e inscricións
O Centro de Artesanía e Deseño pón a disposición das familias lucenses un total de 90 prazas, 15 por obradoiro. Coma en todas as ocasións anteriores, o 15% das prazas dispoñibles están reservadas para nenos con necesidades especiais. En canto ó horario, as actividades darán comezo ás 9:00 horas e prolongaranse ata as 14:00 horas. No caso dos rapaces con necesidades especiais haberá flexibilidade en canto á idade e ós horarios para que poidan aproveitar a experiencia.

A inscrición poderá facerse dende hoxe ata o día 21 de xuño no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo, onde as familias deberán presentar a solicitude cuberta e un xustificante de que os pais, nais ou titores están a traballar. Poderase descargar dito modelo de solicitude na páxina www.deputacionlugo.org ou conseguila directamente no Rexistro. As inscricións faranse por rigorosa orde de solicitude.

Artesanía nos Concellos
No mesmo acto presentouse unha nova programación de obradoiros de artesanía para adultos, consistente en 4 cursos nos que se impartirán técnicas de artesanía e deseño en diferentes Concellos da provincia e para os que hai dispoñibles un total de 40 prazas. Os participantes poderán aprender técnicas da labor cesteira nos cursos “Iniciación á Cestaría”, que se celebrarán nos Concellos de Monterroso e Meira; os veciños do municipio de Incio poderán participar no obradoiro “Iniciación ó coiro” e os de Becerreá poderán aprender “Graffiti”.

Esta programación responde, tal e como destacou Polín á intención de “descentralizar a formación impartida no Centro de Artesanía, para que todos os lucenses poidan aprender ó mellor da nosa tradición cultural, así coma as técnicas de expresión artística máis modernas, con independencia do seu lugar de residencia”.

O prazo de solicitude destes cursos tamén comeza hoxe e se prolongará ata o día 14 de xuño. Todas estas accións formativas comezan o día 17 e para participar só terán que cumprimentar on line o modelo de solicitude dispoñible na páxina web www.deputacionlugo.org, na que poderán obter máis información sobre horarios ou prezos de matrícula.

Exit mobile version