Preto de 80 PEMES e autónomos da provincia anotáronse en tan so unha semana no proxecto co que a Deputación de Lugo dotará de maneira gratuíta ás firmas participantes de 200 ferramentas tecnolóxicas para que potencien o seu negocio, mellorando a súa competitividade e produtividade, reducindo custes e xerando emprego. Deste xeito, dende que se abriu o prazo de inscrición, o mércores pasado, están cuberta xa máis da metade das 150 prazas dispoñibles neste plan, pioneiro en Galicia e financiado nun 80% por fondos europeos a través do Innova-TE. As empresas inscritas pertencen a toda a provincia e a tódolos sectores, aínda que maioritariamente ós de servizos e comercio. Hai dende firmas de agroalimentación, transporte, formación e turismo, a ópticas, talleres de costura ou estudos de arquitectura e fotografía.
O plan consta de feito de tres fases: asesoramento ós empresarios sobre as aplicacións TIC que máis lle conveñen para impulsar a súa actividade ou incluso abrir novas oportunidades de negocio; instalación desas ferramentas; e formación específica para que as saiban utilizar unha vez concluído o programa.
Algúns exemplos das solucións tecnolóxicas que a Deputación proporcionará ás firmas beneficiarias son as seguintes: a implantación da factura electrónica, comercio electrónico, mellora do posicionamento web, publicidade e marketing a través da Rede, banca electrónica, ferramentas de contabilidade e xestión de clientes, ou antivirus.
Onde e ata cando poden anotarse
O prazo para que os empresarios interesados soliciten as 70 vacantes que quedan no novo proxecto que a Deputación impulsa a través do Innova-TE, aberto a todo tipo de sectores, estará aberto ata o 30 de xuño. Para elo, non teñen que máis que entrar na web www.deputacionlugo.org onde atoparán un banner que lles dará acceso a toda a información sobre esta iniciativa e ó correspondente formulario de inscrición. As actuacións arrancarán en xullo e estarán listas en decembro.
Atende unha necesidade do tecido empresarial lucense
Pablo Rivera subliñou a necesidade de impulsar este plan para o tecido empresarial lucense porque tan só un 10% das pequenas empresas da provincia de Lugo –as de menos de 10 empregados- venden por Internet; só o 24% teñen páxina web; e unicamente o 6% está presente nas redes sociais.
Tres gurús do mundo empresarial e TICs
O novo plan emprendido pola Deputación a través do Innova-TE ten un segundo bloque, que consistirá na organización de tres xornadas formativas, tamén gratuítas, e abertas a todo tipo de público, co fin de poñer de relevo a enorme importancia que ten a tecnoloxía na actualidade para o desenvolvemento das empresas.
Terán lugar ó longo do último trimestre do ano, e nelas intervirán tres persoeiros de renome mundial, auténticos gurús no mundo empresarial e das TIC: Eduard Punset, Emilio Duró e Fernando Trias de Bes.