A Área de Cultura colabora un ano máis coa AELG para o desenvolvemento de actividades culturais en Lugo
edicion2
Lugo, 19 de xuño de 2013. O nacionalista Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, asinou xunto ao presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, un convenio de colaboración mediante o cal a Deputación de Lugo aportará 32.000 euros a esta entidade para o desenvolvemento dunha serie de actividades de investigación e difusión do sistema literario galego, entre as que se encontran a polafía no Valadouro, as VI xornadas de literatura oral ou a homenaxe a Marica Campo celebrada este pasado sábado no Incio, e unha xornada de homenaxe a Rosalía de Castro con motivo do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos que tivo lugar no Museo de Lugo.
Mario Outeiro destacou que “grazas a este convenio a AELG pon en marcha iniciativas culturais importantísimas e moi necesarias para Lugo, que co paso dos anos están a ser todo un éxito de participación de xente e dinamización social e cultural. Non hai máis que ver a cantidade de persoas que participan nas polafías ou o éxito das xornadas de literatura oral que este ano chegan á súa sexta edición. Temos que ser conscientes que nestes tempos a aportación das institucións públicas é fundamental para manter viva a nosa cultura xa que outras entidades estanse afanando en esmagar todo aquilo que teña que ver co ser galego e a nosa identidade e cultura”.