Site icon Crónica3.com A Mariña

A área de educación do Concello de Cervo abre o prazo de inscrición para os Enredos de Verán que arrincan o 2 de xullo

Cervo, 25 de xuño de 2013-A Concellería de Educación, que dirixe Pilar Armada, informou hoxe de que ata o 28 de xuño permanece aberto o prazo para apuntarse aos Enredos de Verán. Unha iniciativa que volve poñer en marcha esta delegación co obxectivo de favorecer a conciliación laboral e familiar durante os períodos de vacacións, neste caso no estival.

Os Enredos de Verán están dirixidos aos nenos e nenas nacidos entre os anos 2001 e 2009 empadroados no Concello de Cervo. Unha iniciativa que se desenvolverá de luns a venres en horario de mañá durante os meses de xullo e agosto e que arrincará o próximo día 2. Nesta edición, as actividades consistirán en realizar unha viaxe imaxinaria a distintos países e zonas do mundo.

Así, cada semana estará dedicada a un lugar diferente dos cinco continentes que servirá de temática base para xogos, música, obradoiros, xincanas, deportes ou actuacións. Ademais, estas actividades complementaranse con talleres de lectura a escritura para os máis pequenos e iniciativas de coñecemento do idioma do país de destino para os maiores.

As fichas de inscrición xa foron remitidas aos centros escolares do municipio, e tamén están dispoñibles na Casa do Concello e na Casa da Cultura, onde se pode facer a inscrición. Unha vez pechado o prazo o día 28 e recollidas todas as solicitudes, realizarase unha reunión informativa cos pais e nais.

Armada destaca que esta nova edición dos Enredos de Verán danlle continuidade a un proxecto de “conciliación da vida laboral e familiar e que combina os contidos lúdicos cos didácticos co obxectivo de que o programa sexa de proveito para os beneficiarios”.

Exit mobile version