Unha actividade a través da cal as persoas asistentes poderán recrear o ambiente típico que se vivía durante todo o proceso, dende que as mulleres se reunían para ir lavar ata que volvían para a vila. Para iso, xuntaranse ás 17:00 horas na prazoleta (fronte á Casa da Cultura), que será o punto de encontro. A partir dese momento a comitiva, ataviada con utensilios propios desa tarefa, sairá camiñando e cantando cancións tradicionais en dirección á área recreativa situada ao carón da ponte medieval, onde compartirán unha merenda. “Eliximos esa zona porque era precisamente dende o muíño ata a ponte onde as mulleres se achegaban a lavar a roupa” explica Pernas.
Despois da merenda, os participantes poderán rematar a festa na praza dos Campos, onde os gaiteiros de San Ciprián amenizarán a xornada. Un día co que a asociación pretende “recoñecer e poñer en valor o duro traballo que realizaban as mulleres naquela época” engade a presidenta da entidade. Unha actividade que estaba prevista para o mes de maio pero que a asociación tivo que aprazar.