Site icon Crónica3.com A Mariña

A cantante francesa de jazz Coralie Yap-Chine será a protagonista musical do V Encontro no Eido Dourado

Barreiros, 27 de xuño de 2013. Todo está listo para a celebración do V Encontro no Eido Dourado que terá lugar o vindeiro 29 de xuño a partires das 20 horas. No acto daranse cita a escultura, o teatro, a poesía e a música. A francesa Coralie Yap-Chine, elexida mellor vocalista alternativa en España no 2008, protagonizará a parte musical do evento, no que tamén intervirán Najla Shami e Mini e Mero, entre outros. Este encontro suporá o inicio da quinta tempada do Eido Dourado, na praia da Pasada en Barreiros, un espazo dedicado ao arte no que poder admirar a pintura de Celso Dourado e tamén as esculturas de diversos artistas. O Eido Dourado estará aberto durante todo o verán.

O acto estará conducido pola actriz e xornalista Comba Campoy e no mesmo terá lugar a inauguración dunha escultura de Quique Guerra, feita en madeira e granito, Pepe Penabade deleitará aos presentes cun monólogo e a ribadense Silvia Murias recitará poesía. Os asistentes ao V Encontro no Eido Dourado poderán disfrutar tamén das novas obras pictóricas Celso Dourado.

A música estará moi presente no V Encontro no Eido Dourado, “a música sempre ten unha tradición forte e segundo van pasando os encontros cada vez xúntase máis xente. Fixemos unha aposta forte neste 2013 xa que vai estar por primeira vez no Eido Dourado a cantante de jazz francesa Coralie Yap-Chine, elixida mellor vocalista alternativa en España no 2008, que estará acompañada por varios músicos. Estarán, os sempre presentes Mini e Mero, a cantante de orixe palestino Najla Shami, que abriu o cuarto encontro o ano pasado, e outros que se irán sumando ao longo da tarde noite”, relatou Dourado.

No V Encontro no Eido Dourado presentarase unha bandeira da república galega, a cargo de Mini e Mero, “xa que se cumpren 82 anos da súa proclamación no concello coruñés de Ordes”. O acto, que é libre e aberto a todo o público, rematará cuns petiscos e viños da terra. Celso Dourado anima a asistir a este encontro que se desenvolverá, coma sempre, nos xardíns do Eido Dourado.

Exit mobile version