Se nas pasadas edicións, celebradas en Mondoñedo e Ribadeo, contouse con grandes da música galega como Ugia Pedreira ou Uxía, para este III concerto que terá lugar en Viveiro contarase coa que se considera a nova artista revelación galega, a cantautora María Xosé Silvar, Sés. Sés, que contará cos seus músicos habituais no directo como Tito Calviño (guitarra), Marcos Pazo (batería) e Fran Sáez (baixo), presentará o seu segundo disco Co xenio destrozado que sae á venda o próximo día 11 e que se presenta oficialmente o venres 7 de xuño en Compostela, polo que o concerto que organiza o Observatorio en Viveiro será o segundo no País da revolucionaria artista.
Despois do éxito do seu primeiro disco, Admirando a condición, un proxecto 100% galego e 100% feminino, Sés presenta desta volta Co xenio destrozado, un traballo feito con orgullo identitario, frescura e vitalidade, que pretende concentrar nunha presa de cancións viscerais e paixonais a potencia do directo. Temas de cantautora vestidos de blues, rock e sons do continente hispanoamericano.
Ademais de Sés, tamén contará este III Músicas e Letras en Feminino coa actuación musical da moza ribadense de dezasete anos Carmen Rodríguez, que nos sorprenderá con diferentes propostas.
Asimesmo, entre as actuacións musicais, rapazas do IES María Sarmiento e Vilar Ponte de Viveiro recitarán diferentes textos poéticos de autoras vinculadas á Mariña, como a viveirense Olalla Cociña, Luz Pozo, Marica Campo, Luísa Castro, Eva Moreda, Carmen Blanco ou Ugia Pedreira.
Dende o Observatorio da Mariña pola Igualdade seguimos a apostar, con este tipo de actividades, por valorar e visibilizar a creación artística – xa sexa profesional ou amateur – das nosas mulleres, neste caso músicas e escritoras. Un evento cultural feminista de referencia, cun formato innovador e cunha sede fixa, A Mariña, na que cada ano unha das vilas se converte tamén en protagonista.
O prezo xeral do bono-axuda-entrada será de 5 euros, 3 euros para o estudantado.