Site icon Crónica3.com A Mariña

A Comisión na Defensa da Sanidade Pública de Cervo defende a necesidade de cubrir a praza do centro de saúde de Cervo

A Comisión na Defensa da Sanidade Pública de Cervo integrada por 25 colectivos veciñais agrupados reclaman o mantemento dos dous centros de saúde do concello abertos – San Cibrao e Cervo- e coas catro prazas facultativas existentes ate a actualidade.

Dende a Comisión explican que “a Xerencia de Xestión Integrada de Lugo, Monforte e Cervo ven de tomar a decisión de non substituír con persoal das listas de contratación a praza do centro de saúde de Cervo, logo da xubilación do facultativo existente ate a actualidade, algo que consideramos incompatible coa necesidade de garantir a calidade asistencial no concello que perderá con esta decisión unha praza médica no outro centro de saúde existente no concello, en San Cibrao, por traslado forzoso dunha facultativa ao ambulatorio de Cervo, co que se perderá unha das catro prazas existentes ate a actualidade”.

Así, opóñense, ao acordo que contou co apoio unánime da Corporación Municipal que en sesión plenaria extraordinaria celebrada polo que instarían á Xunta con urxencia e vehemencia a que manter o mesmo cadro de persoal e prazas existentes nos dous centros de saúde do concello, mantendo en todo momento unha atención sanitaria pública de calidade, tanto para os usuarios do centro de saúde de Cervo como os de San Cibrao.

Dende a Comisión recordan que “os rateos sobre a poboación atendida argumentados polo SERGAS para adoptar esta decisión non os consideramos axustados ás necesidades asistenciais do concello tendo en conta a pirámide poboacional cunha porcentaxe importante de persoas maiores e a súa dispersión en numerosas parroquias, burgos e vivendas illadas do territorio municipal; os incrementos de poboación estacional en determinadas épocas do ano, especialmente no verán. Mesmamente foi o propio SERGAS quen en 2009 creou unha cuarta praza de facultativo no concello, debido ao traslado de 800 cartillas de Burela a Cervo de persoas cuxa residencia estaba e está no noso municipio”. Todas estas razóns fan que consideren “arbitraria e incoherente esta decisión mesmo coa resposta ofrecida pola Xerencia de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte ao facultativo xubilado que prestaba os seus servizos no ambulatorio de Cervo, quen solicitou prórroga no servizo denegándolla co argumento da existencia de facultativos de medicina familiar nas listas de contratación para a cobertura de prazas vacantes no mes de maio”.

Deste xeito, a Comisión Veciñal na Defensa dos Servizos Sanitarios de Cervo entregou un escrito este martes no Hospital da Costa para Xerencia de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte e mais o Xerente do Hospital da Costa, demandando a reposición do cuarto médico que foi suprimido para o Concello de Cervo. No escrito solicitan a revisión da decisión de anular unha das prazas médicas do centro de saúde de San Cibrao, dando cobertura de praza vacante no centro de saúde de Cervo mediante nomeamento de persoal facultativo existente nas listas de contratación, atendendo as peticións acordadas por unanimidade no pleno municipal de Cervo do pasado 20 de xuño.

Exit mobile version