Site icon Crónica3.com A Mariña

A construcción de beirarrúas en Cangas de Foz incluíu a instalación de dous pasos elevados na estrada LU-162

Foz, 10 de xuño de 2013. A primeira fase da construción de beirarrúas en Cangas de Foz, obra executada pola Xunta de Galicia que acaba de ser rematada, incluíu a maiores a instalación de dous pasos elevados na estrada LU-162. Anunciouno hoxe o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, quen destacou a importante mellora que supón esta actuación para a seguridade viaria nesa zona da estrada Ferreira-Cangas.

O rexedor municipal agradece publicamente á Xunta de Galicia, concretamente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, “a obra recentemente rematada da primeira fase das beirarrúas de Cangas, que aínda por enriba incluíu unhas melloras importantísimas e interesantísimas propostas pola asociación de veciños, que son dous pasos de peóns elevados, que melloran moito a seguridade da vía e fan minorar moito a velocidade nunha zona onde, aínda que está regulada, algúns vehículos pasaban bastante rápido”.

Javier Castiñeira destacou “a facilidade por parte do departamento de Estradas da Xunta de Galicia para facer esas dúas melloras importantes, que se suman a outras máis que se pediron en canto a remates de cruces”. Tamén fixo referencia á “boísima disposición tanto da dirección técnica como dos responsables da Consellería e da delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, que tivo unha especial importancia na consecución desta obra”.

Agora o obxectivo do goberno municipal focense é seguir coa segunda fase da construción de beirarrúas en Cangas “na próxima anualidade, tal e como se quedou co conselleiro Agustín Hernández, e para o ano 2014 ter empezada a segunda fase, que consistirá na execución doutros mil metros de beirarrúa, 500 metros por ámbolos dous lados da calzada”, manifestou hoxe o alcalde.

Castiñeira tamén salientou que “a calidade da obra é importante e a boa acollida por parte dos veciños é inmellorable, polo que estamos todos contentos”.

Exit mobile version