O exercicio, organizado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais, consistiu na simulación dun incendio que deu comezo sobre as 10.07 horas da mañá co son da serea de alarma que percorreu a sede da Delegación Territorial. Os funcionarios e os usuarios que se atopaban nese momento no interior do mesmo saíron polas escaleiras ata abandonar de forma ordenada o edificio.
A delegada territorial, Raquel Arias, explicou que a realización do simulacro responde á normativa en materia de prevención e que todo transcorreu sen incidentes. “O máis importante é preservar a seguridade, por iso fixemos este simulacro de evacuación”, dixo a responsable da Xunta en Lugo; “o desenvolvemento do exercicio foi un éxito e amosa que se sucede algo estaríamos preparados para afrontalo”, engadiu.
O suposto incendio orixinouse, de forma ficticia, nunha das salas de reunións da segunda planta do edificio da Ronda da Muralla. De inmediato decretouse a activación do Plan de Emerxencia Xeral, que supón a evacuación total do edificio.
Como consecuencia destes feitos, arredor de 600 traballadores e máis de 200 usuarias e usuarios que neses momentos se atopaban nas instalacións tiveron que abandonar as cinco plantas e dos garaxes do edificio. En concreto, o tempo de evacuación foi de 3 minutos e 13 segundos.
Para executar esta manobra, os bombeiros, que acudiron con tres vehículos motobomba ata a explanada do edificio da Ronda da Muralla en sete minutos dende que recibiron a chamada, comprobaron o desaloxo total das plantas e colaboraron co desaloxo das persoas que presentaban mobilidade reducida. Ata a zona, desprazouse unha ambulancia do 061, que procedeu á evacuación dun suposto afectado por inhalación de fume.
Así mesmo, a Policía Autonómica, con dúas dotacións de catro persoas cada unha, e a Policía Local, con outras dúas dotacións, tamén participaron no exercicio, e garantiron a orde na zona. Por último, ata o lugar tamén se desprazaron efectivos do servizo de Protección Civil.
Para levar a cabo este simulacro os funcionarios recibiron unhas charlas formativas durante tres días e varios deles, 95 en total, foron voluntarios e observadores converténdose nos responsables dos seus compañeiros en cada planta, guiándoos e dándolles as instrucións precisas para que abandonasen ordenadamente o edificio.
Logo, os voluntarios, que levaban un chaleco reflectante, comprobaron que cada planta se encontraba completamente baleira e pecharon ventás e portas. A delegada territorial agradeceu aos traballadores, aos voluntarios e aos propios usuarios e usuarias que nese momento se atopaban no edificio a súa colaboración neste simulacro de evacuación.
Por último, Raquel Arias fixo extensivo o agradecemento da Xunta de Galicia aos membros dos Bombeiros de Lugo, do 061, dos membros da Policía Nacional, Policía Autonómica e Policía Local, ao 112 e a Protección Civil pola súa colaboración “para que este exercicio fora todo un éxito e para que esteamos preparados de cara aos incidentes que poidan acontecer”.