Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegación de Xuventude do Concello de Cervo convoca o I Concurso de Talentos para a mocidade

Cervo, 26 de xuño de 2013-A delegación de Xuventude, que dirixe Yolanda Pedreira, convoca o I Concurso de Talentos Xuvenís 2013. Unha iniciativa coa que se pretende “incentivar o desenvolvemento das habilidades artísticas dos mozos e mozas, ofrecéndolles un escenario común para amosar ao público as súas capacidades” explica a edil.

En concreto este certame consistirá na demostración mediante actuacións daquelas facetas e destrezas artísticas das persoas que, de forma individual ou en grupo, opten por presentarse. Terán cabida todo tipo de talentos e disciplinas, e terase moi en conta a orixinalidade, o esforzo, a técnica, o vestiario e outros criterios estéticos e de movemento.

O Concurso de Talentos porase en marcha en catro fases, comezando polo casting, no que se seleccionará aos participantes, mozos e mozas entre os 12 e os 30 anos e que terá lugar o 5 de xullo. A partir de aí, todos os concursantes elixidos ofrecerán un total de tres exhibicións cada un, a primeira o 12 de xullo, a segunda o 19 de xullo e a última na final, aínda por fixar no calendario, e da que sairán os gañadores dos premios, que consistirán en bonos de 200, 100 e 50 euros para o primeiro, o segundo e o terceiro clasificado respectivamente. Uns vales que se poderán utilizar nos comercios e locais do municipio.

O período de inscrición está aberto ata o comezo do casting o día 5 de xullo e pode realizarse na Oficina da OmiX situada na Casa da Cultura de San Ciprián. Para iso só será necesario cubrir un impreso cos datos dos concursantes e o estilo de actuación proposta.

Pedreira asegurou que esta iniciativa “busca tamén fomentar a interacción entre a mocidade, especialmente tendo en conta que o concurso está aberto a todos os mozos e mozas de todas as procedencias e lugares” e por suposto, “valorar a súa creatividade artística” remata a edil.

Exit mobile version