Martínez explicou que os beneficiarios de axudas públicas teñen que achegar os certificados que acrediten estar ó correntes dos pagos á Seguridade Social, á Axencia Tributaria, á Axencia Estatal e á propia Deputación para recibir o importe correspondente. Co convenio acordado hoxe, será o organismo provincial quen pida e reciba directamente esta documentación, “gañando rapidez e axilidade no abono de subvencións, chegando a recortar este prazo en 1 mes”, remarcou.
O voceiro exemplificou cos subvencións do Plan de Comunidades Veciñais, que “este Goberno Provincial xa está a pagar en nun tempo récord de 2 meses, que superaremos con este acordo. A diferencia, o Partido Popular, os que presumen de ser bos xestores, tardaban anos en aboar estas axudas. Cando nos chegamos á Deputación, tivemos que liquidar subvencións anteriores ó 2004”.
Precisamente, a Xunta de Goberno aprobou as contas xustificativas de dúas obras da última anualidade do Plan de Comunidades Veciños, que a institución está a piques de liquidar. Trátanse de actuacións executadas en núcleos rurais de Antas de Ulla e As Nogais, dotadas de 15.700 euros, financiados na súa totalidade pola Deputación.
Volve Km0 Termalismo no Camiño
A sesión acordou as bases que rexerán unha nova edición de Km0 Termalismo no Camiño, a programación coa que a institución impulsa a economía medioambiental, o turismo e o benestar na provincial. Martínez adiantou que nos vindeiros días o Boletín Oficial da Provincial publicará esta documentación para que os balnearios interesados en sumarse a esta iniciativa formulen a súa inscrición. “Poñemos en marcha, deste xeito, un proxecto en apoio ós balnearios da provincia, que xeran un volume anual de 7 millóns de euros, uns 200 postos de emprego directos -cifra que se incrementa ata os 300 na tempada alta que transcorre dende marzo a setembro- e que reciben a visita de 120.000 persoas anualmente”, destacou o Deputado.
Martínez engadiu que “a maiores, o feito de que os balnearios lucenses estean na zona de influencia dos Camiños Xacobeos Primitivo, Francés e de Inverno ó seu paso por Lugo, favorece a posibilidade de dar a coñecer a riqueza e recursos naturais, culturais e paisaxísticos da provincia. A afluencia de miles de usuarios destes centros termais favorece á hostalería e a outros sectores estratéxicos para o tecido socioeconómico de Lugo, como o comercio, a artesanía, ou a actividade agroalimentaria. Os seus visitantes comen en restaurantes da zona, consumen produtos autóctonos e visitan os museos e o patrimonio paisaxístico, cultural e arqueolóxico dos Concellos nos que atopan estes centros e, por extensión, os do resto da provincia. É dicir, están a contribuír á dinamización das zonas rurais onde se sitúan, combatendo o despoboamento demográfico”.
Segundo os datos manexados polo “Observatorio Nacional del Termalismo y Desarrollo Rural”, a comunidade galega é a primeira potencia española en oferta termal, por número de centros e pola calidade dos mesmos. O chamado turismo de saúde ten un importante peso específico dentro do sector, representando preto do 11% do PIB e empregando a máis de 100.000 persoas en toda a comunidade.
Outros acordos
A Xunta de Goberno aprobou iniciar o proceso de expropiación dos terreos necesarios para a execución das obras do POS 2012 en Castroverde, que consisten no acondicionamento e mellor do camiño Congosta-Pagos de Cabanela; e o xustoprezo de 10.458 euros establecido polo Xurado de Expropiacións de Galicia polos terreos adquiridos para as obras na estrada “Burela-Vilaestrofe-Rúa, no Concello de Cervo, “unhas actuacións do POL 2006, é dicir, herdanza do PP, que liquida este Goberno Provincial.