Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aprobará o aval que garante a participación do Breogán nas competicións da Federación Española de Baloncesto

Lugo, 27 de xuño de 2013. A Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Lugo aprobará, na súa reunión de mañá venres, o aval bancario que garante a participación do Club Baloncesto Breogán nas competicións nacionais organizadas pola Federación Española de Baloncesto (FEB) durante a tempada 2013-2014. Así o anunciou o vicepresidente da institución e presidente do Club, Antonio Veiga, quen tamén asegurou que “se está a traballar para que a saída da Deputación do acionariado sexa áxil e sen repercusión para o futuro do equipo.”

A aprobación deste aval de 180.000 euros enmárcase na xestión que está a realizar Antonio Veiga e da que cómpre destacar o plan de pagos establecido para saldar a débeda que o Club contraeu cos xogadores así como as diversas xuntanzas que se están mantendo co patrocinador e colaboradores privados os cales se están a mostrar receptivos. Neste senso, o vicepresidente da Deputación e presidente do Club insistiu na súa postura de que no orzamento do Breogán a participación das institucións públicas debe ser mínima porque Breogán ten que ser o que os lucense queiran que sexa.”

A Deputación Provincial continúa co seu plan para abandonar a Sociedade Anónima Deportiva e procedeu a contratación dun auditor que será o encargado de establecer o prezo  unitario das acción do Breogán, que se porán á venda baixo unhas condicións que impidan a deslocalización do Club e no caso de que a venda de accións non sexa suficiente recurrirase á vía das donacións entre abonados. “O que se trata de evitar  por todos os medios –puntualizou Veiga- é que exista un accionista maioritario xa que iso poría en perigo a continuidade do equipo.”

Elena Candia debe rectificar
En relación ás declaracións realizadas pola portavoz do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, durante o pleno do pasado martes, en relación á Fundación Balogal, Veiga asegurou que “todo o que dixo a portavoz popular é totalmente falso. Na Fundación Balogal non houbo ni hai ningún traballador ou traballadora que sexa concelleiro do Bloque Nacionalista Galego, polo que solicito á señora Candia que rectifique.”

“Até o de agora permitirmos que o Grupo Provincial do Partido Popular fixera da mentira a súa práctica política habitual, pero xa non estamos dispostos a permitir máis mentiras. Se a deputada popular non rectifica adoptaremos as medidas  xudiciais correspondentes. Así Candia poderase ver cos seus compañeiros de partido que ultimamente tanto frecuentan os xulgados” – concluíu Antonio Veiga.

Exit mobile version