Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación denuncia que a Xunta obriga a pagar por adiantado e primeira vez o custe íntegro do material ortoprotésico

O deputado de Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos Ramos, denunciou hoxe que a Xunta obriga a máis de 40.000 galegos a pagar, por primeira vez e por adiantado, o custe íntegro do material ortoprotésico. Santos Ramos explicou que isto débese “á decisión unilateral” do Goberno autonómico de anular o convenio que regula as axudas públicas para a prestación deste material sanitario e que posibilitaba que ningún usuario tivese que aboar máis de 36 euros por calquera prestación ortopédica. “O Presidente da Xunta impuxo primeiro o repago farmacéutico, obrigando a 120.000 lucenses a pagar, por primeira vez na historia, as súas menciñas, coa única finalidade de ingresar nas arcas do Goberno galego ata 7 millóns de euros, procedentes das pensións máis baixas no país: as dos veciños de Lugo. Agora, Feijóo decidiu que todos os galegos que necesiten dende próteses, oculares ou audiófonos para o benestar e calidade das súas vidas teñan que pagar, tamén por primeira vez, e por adiantado, o 100% do custe destes dispositivos, superando nalgúns casos os 4.000 euros. O Partido Popular está a poñer fin á sanidade pública e ó Estado do Benestar, instaurando un novo sistema sanitario: o de quen o poida pagar ben, e quen non, que se busque a vida”, subliñou.

Santos Ramos adiantou que “ante esta grave medida, unha vez máis imposta polos populares”, o grupo socialista leva ó Pleno Provincial deste martes unha moción para instar á Xunta a que explique os motivos da anulación do anterior convenio para a prestación ortoprotésica, a que manteña as axudas públicas que existían ata o momento ou, no seu defecto, a que deseñe novas actuacións que permitan ós galegos a sufragar este necesario e custoso material sanitario.

Máis recortes sanitarios
O sistema que vén de aprobar o Goberno galego supón, tal e como explicou o Deputado, a anulación do anterior convenio, a través do cal ningún usuario do SERGAS tiña que pagar máis de 36 euros por calquera prestación ortopédica en Galicia, unha medida que afecta a máis de 40.000 usuarios en toda a Comunidade. Inclúe unha serie de modificacións que repercuten negativamente no benestar e na calidade de vida dos usuarios. Por exemplo, ningún colectivo estará exento deste anticipo económico, de tal xeito que, as persoas menores de 30 anos con próteses amputadas, oculares ou audiófonos, deberán de pagar por primeira vez estes dispositivos. Ademais, nos casos nos que unha vez finalizada a necesidade, como pode ser o uso dunha cadeira de rodas, estes elementos tampouco serán devoltos para que poidan ser usadas por outros doentes afectados, tal e como se contemplaba no anterior convenio, mediante un sistema de préstamo mediado pola administración sanitaria autonómica.

Deste xeito, coa entrada en vigor do novo modelo de prestación ortoprotésica, dende o día 15 deste mes, a Xunta de Galicia xa non devolve o prezo do material subvencionado ó conxunto dos establecementos, senón que o fará de xeito individualizado con cada un destes elementos prescritos. Para elo, todos os usuarios, primeiro deberán de abonar o anticipo para logo poder solicitar ó departamento autonómico a devolución da contía subvencionada. Tal é así que, na orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), non figura nin cómo nin cándo se lles vai devolver o diñeiro ós usuarios. O SERGAS, eludindo así a súa responsabilidade, non aclara esta cuestión en ningún punto, e alega para elo, simplemente, que a implantación do novo sistema permitirá adaptar o catálogo de produtos galego ó estatal. Con todo, os expertos recoñecen que o prazo da devolución será elevado, pois en ningún caso será inferior ós cinco meses.

Medidas rexeitadas polos profesionais
Debido á escasa información e precisión do Goberno Galego neste asunto, e tendo en conta que a norma remata de cheo coa prestación ortoprotésica, a nova medida xa suscitou o rexeitamento de diversos colectivos profesionais. É o caso da Asociación de Técnicos Ortopédicos de Galicia (ATOG), quen vén de denunciar publicamente que, ademais das citadas restricións inxustificadas, existen outras cuestións que se modifican e que repercutirán na economía dos usuarios, pois o custe destas prestacións pode superar nalgúns casos os 4.000 euros; un gasto demasiado elevado ó que moitas familias non poderán facer fronte hoxe en día.

Deste xeito, existen produtos recollidos no catálogo cuxo prezo se sitúa por debaixo do custe, situación na que o doente nunca recuperará o 100% da cantidade sexa cal sexa a súa renta, pois resulta evidente que as ortopedias non van vender nunca un produto por menos do que lles custa.

Defensa da sanidade pública
Santos Ramos destacou que “garantir a sostibilidade financieira do sistema sanitario público é un dos retos máis importantes que debe afrontar o noso país. Por tanto, permitir que o sistema sanitario se deteriore é a peor das políticas que pode levar a cabo un goberno, xa que supón poñer en risco a viabilidade do que é o principal instrumento de equidade e de redistribución da riqueza. Evitar a descapitalización do sistema sanitario público é un imperativo que se debe afrontar con urxencia, pero nunca se debe facer a costa de aplicar medidas que o degrade, como foi o copago farmacéutico, e que teñen un efecto negativo para a economía e a saúde dos cidadáns. A esta grave medida, imposta polo Partido Popular, e a través da cal dende o pasado ano todos os pensionistas se ven obrigados a pagar máis polos seus medicamentos, súmase a nova iniciativa da Xunta de Galicia, que afecta directamente ós usuarios do material ortoprotésico, xa que estes vense obrigados por primeira vez a abonar por adiantado o custe íntegro destas prestacións. Co obxectivo de acadar unha solución e de garantir o benestar dos cidadáns galegos e lucenses, e sempre en aras de buscar a máxima colaboración entre administracións, este Goberno Provincial leva ó Pleno esta moción”.

Exit mobile version