“Non queremos ser cómplices dun Goberno como o de Mariano Rajoy que, a través do Ministerio de Economía, do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) e dos reais decretos lei avalados pola maioría absoluta do Partido Popular no Congreso e o Senado, está a ser coautor desta estafa millonaria. A solución é tan simple como unha decisión política que esixa a devolución íntegra dos aforros” – defendeu o portavoz do BNG na Deputación de Lugo, Mario Outeiro.
Mario Outeiro lamentou o feche da vía da arbitraxe, conseguida grazas ao traballo e mobilización das plataformas de afectados, cando aínda hai miles de persoas que se están enterando de que foron enganados e son propietarios de preferentes e subordinadas. “Grazas á arbitraxe, única vía gratuíta, recuperarán os seus aforros ao redor de 36.000 persoas por un importe de preto de 500 millóns de euros, pero o seu feche deixa fora do proceso, só en Lugo, a máis do 80 por cento dos afectados que agora quedan totalmente discriminados. Por iso desde o grupo de Goberno da Deputación solicitaremos o apoio do Partido Popular para instar ao FROB, como dono de Novagalicia Banco, ao Goberno do Estado e á Xunta de Galiza a que se reabra a vía da arbitraxe até que recuperen o seu capital todos os afectados e afectadas, xa que aínda están atrapados ao redor de 1.500 millóns de euros.”
Corridas de touros
O BNG non conseguiu o apoio das outras dúas forzas políticas na Deputación de Lugo para declarar a esta institución contraria á celebración de corridas de touros en Galiza. O voto en contra por parte do grupo do PP foi argumentado por Fernando Pensado, quen xerou polémica nas súas declaracións afirmando que “non está demostrado que o touro sufra nas corridas”.
Dende o Grupo Provincial do BNG criticouse o feito de que os eventos taurinos reciban cada vez máis subsidios, algo que responde a un intento de homologación e asimilación cultural, vinculada a unha festa nacional na que prevalece a crueldade animal. Mario Outeiro, portavoz do BNG na Deputación de Lugo, afirmou que “consideramos as touradas un espectáculo macabro e absolutamente alleo á cultura e tradición galega e rexeitamos calquera tipo de apoio a esta actividade a través de diñeiro público, máxime nun contexto de crise socioeconómica como o actual, no que resulta unha indignidade moral grave destinar fondos públicos a promover á barbarie taurina mentres cada vez máis familias se atopan en risco de exclusión social”.