Cervo, 5 de xuño de 2013-A edil de Facenda, Yolanda Pedreira, saíu ao paso das declaracións do asesor do BNG na Deputación e edil en Cervo, Xoán Antón Estúa, nas que criticaba que o Concello non fixo trámites para reclamar os erros na facturación eléctrica do Concello. A concelleira explica que os servizos municipais elaboraron un informe exhaustivo no que se detallan todas as incidencias detectadas na facturación dunha empresa enerxética ao Concello, documento con data de saída do rexistro de outubro de 2012.
“Dende o goberno local recomendámoslle ao señor asesor que pase máis a miúdo polo Rexistro Xeral porque vemos que non consultou nada, como mínimo, dende outubro do ano pasado”, asegura Pedreira, que lembra ademais que “ese é o seu deber como oposición”. A responsable de Facenda considera “unha mágoa” que Estúa “non se molestase en comprobar se o Concello fixo algún trámite para reclamar as facturas” e que critique “sen saber nada da vida municipal”. “Se se tivese informado evitaría poñerse en evidencia e demostrarlles aos cervenses que non lle apetece ler un informe de 22 páxinas e que está moi ocupado co seu traballo de asesor na Deputación”.
Ademais a edil considera moi “grave” que o asesor nacionalista “pretenda que a cidadanía se crea que lle preocupan as facturas enerxéticas” cando nos últimos anos “actuou de cobrador do frac das eléctricas”. Pedreira explica que “o señor Estúa saíu en moitas ocasións nos medios reclamándonos que lles pagásemos as facturas ás eléctricas de inmediato, poñéndose do seu lado e facendo forza para que cobrasen o antes posible, sen ter en conta que ao mellor había facturas incorrectas ou que había que reclamar”.
Para a tranquilidade do asesor, Pedreira asegura que “non se preocupe, que o Concello está pagando en tempo e forma aos seus provedores dentro dos prazos que establece a lei”.