Site icon Crónica3.com A Mariña

A festa de todos polo fútbol

O equipo da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña obtivo a fin de semana pasada a meritoria quinta praza no VII Campionato de Balompé Todos polo Fútbol en Narón, arroupado pola meta do Burela FS Pescados Rubén Patri. O título da cita que coordina a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) recaeu na asociación Lenda de Redondela.

O campionato tivo lugar no pavillón da Gándara ao longo de toda a xornada do sábado coa asociación Afaes Portanova como anfitrioa e organizadora do campionato. Completaron o palmarés Lar, de Vilargarcía de Arousa, coa Prata, e Apem A Coruña e Alba, como terceiros clasificados. O cuarto posto foi para Portanova, o sexto para Morea O Barco, o sétimo para Doa e Apem Cambre pechou a clasificación.

Entre os recoñecementos destacou o xogador de Lenda Brais Lourido Mariño co Trofeo de Máximo Goleador, mentres que José Antonio Fernández Barral, de Apem A Coruña, foi galardoado como Mellor Xogador.

Xunto á gardameta laranxa Patri, na entrega de premios tamén participaron o director de Feafes Galicia, Antonio Hernández Fernández, e o presidente de Afaes Portanova, Félix Pena Calvo.

O obxectivo deste campionato, como clausura da liga que comezou en marzo e reuniu 9 equipos de 8 asociacións galegas, é promover o deporte en igualdade, impulsar a práctica de deporte entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social que padece este colectivo.

Exit mobile version