Site icon Crónica3.com A Mariña

“A inoperancia do goberno municipal de Viveiro vese suplida polo Servizo Provincial de Costas” segundo os populares

Nestes días o Servicio Provincial de Costas de Lugo, dependente da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar del Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, está realizando diversos traballos de conservación no alumeado dos Paseos Marítimos e en próximas datas procederá á reparación e posta en funcionamiento do alumeado do novo espigón da praia de Covas, onde xa recolocaron o trozo de barandilla que fora sustraída, ademais doutra serie de traballos de mantemento e conservación na costa do concello de Viveiro.

Dende o Partido Popular de Viveiro queren mostrar o seu agradecemento a Costas, así como a satisfacción pola realización destes traballos de conservación e mantemento, actuacións que veñen reclamando ó Concello dende fai tempo “sen que por parte do rexedor se fixera nada ó respecto e iso, pese a que é o Concello o que está obrigado a realizar estes traballos de conservación e mantemento dos paseos marítimos en virtude dos convenios asinados para a construcción dos mesmos”. Consideran os populares que se trata “dunha mostra máis da desidia, a deixadez e a inoperancia do equipo de goberno que non é capaz nin de manter o herdado”.

“Tal é a desidia do goberno local, que nin sequera tramitaron a petición realizada polo PP para que Costas colocase unha pasarela de acceso á praia fronte ó campo de fútbol de Cantarrana, pasarela moi demandada por numerosos usuarios”, afirma o concelleiro Celestino García.

O Partido Popular de Viveiro considera moi oportunas estas actuacións nas datas que nos encontramos, ás portas do verán e “á espera de recibir ós milleiros de visitantes e vivarienses residentes noutras localidades, por canto a fachada marítima do noso Concello cos seus magníficos paseos marítimos, a nosa costa, as nosas praias son sen lugar a dúbidas un dos principais atractivos que fan de Viveiro o destino elixido por milleiros de turistas para pasar as vacacións de verán”.

Neste sentido, desde o Partido Popular de Viveiro demandan do goberno local que “asuma as súas obrigas e proceda a realizar os traballos de limpeza e mantemento nos accesos ás praias para que todos, veciños e visitantes, poidan disfrutar dos nosos magníficos areais”.

Exit mobile version