Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma Sanitaria da Mariña continúa coa campaña “Para que non nos calen” este venres en Burela

A Mariña, 26 de xuño de 2013. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña reuniuse onte para valorar a situación da sanidade na Mariña, especialmente na atención primaria con casos devastadores para a calidade asistencial como o de Cervo onde a Xunta elimina unha praza de facultativo ou o de Ribadeo onde levan un ano sen substituír unha baixa. A Plataforma reiterou a súa denuncia de que os 12,7 millóns de euros recortados nos orzamentos da Xunta para Lugo en sanidade primaria neste ano teñen consecuencias e xa están á vista e continuarán provocando a degradación da asistencia primaria. A Plataforma dará continuidade o próximo venres á campaña “Pra que non nos calen” no mercado de Burela onde estarán a partir da onde da mañá.

OS CASOS DE CERVO E RIBADEO SON O PRINCIPIO DUN RECORTE MASIVO EN ASISTENCIA PRIMARIA NA COMARCA.
Dende a Plataforma advertiron que a perda dunha praza médica en Cervo e a non cobertura doutra durante un ano en Ribadeo son a punta do iceberg dun recorte masivo en sanidade primaria na comarca despois de que a Xunta recortara en 12,7 millóns os orzamentos para 2013 en sanidade primaria na provincia de Lugo. E un feito que a eliminación de prazas e a non cobertura de baixas provoca a degradación da calidade asistencial en primaria que é a base do sistema e terá consecuencias coa saturación da especializada.

A POBOACIÓN DEBE MOBILIZARSE PARA RECLAMAR O MANTEMENTO DO SISTEMA SANITARIO PÚBLICO.
Para a Plataforma o exemplo de Cervo debe manterse se queremos cortar a folla de ruta do SERGAS que ten como obxectivo a progresiva degradación do sistema sanitario público en beneficio do privado. Segundo analizaron onte vanse dar mais casos na comarca polo que a xente debe estar alerta e contestar con contundencia diante calquera deterioro na calidade asistencial.

O XOVES APOIO Á CONCENTRACION DE CERVO ÁS 12:00, ÁS 13: NO HOSPITAL DA COSTA E O VENRES NO MERCADO SEMANAL DE BURELA DARÁSELLE CONTINUIDADE Á CAMPAÑA “PARA QUE NON NOS CALEN”
Aproveitaron para anunciar a continuación da campaña “Para que non nos calen” posta en marcha para denunciar os intentos de afogar con sancións o traballo do colectivo dende fai catro anos. Neste sentido indicaron que, pese á suspensión provocada polo apoio á veciñanza de Cervo na súa reclamación pola perda dun facultativo que seguiremos apoiando, continuaremos coa campaña a menor ritmo pendentes da resolución das sancións de 3.000 euros impostas pola Sub- delegación do goberno do Estado. Igualamente a Plataforma estará presente na concentración convocada pola Comisión na Defensa da Sanidade Pública en Cervo da que forma parte o xoves ás 12:00 e despois ás 13:00 no Hospital da Costa contra a Lei trampa de Garantías Sanitarias aprobada pola Xunta que busca servirse dunha ferramenta legal para seguir dando apoio á sanidade privada.

CRITICAN AS DIFERENTES VARAS DE MEDIR DO ALCALDE DE CERVO EN FUNCIÓN DAS CIRCUNSTANCIAS
Dende a Plataforma tamén quixeron aproveitar para cuestionar a actitude do alcalde de Cervo, Alfonso Villares, “quen utiliza diferente vara de medir en función das circunstancias”, mentres uns días suspende plenos diante dunha concentración silenciosa da Plataforma, “outros con mais ruído aproveita o momento para ir de vítima inocente e atribuírse méritos que non lle corresponden no mantemento do centro de saúde aberto, cando foi grazas á mobilización social”. Na mesma liña criticaron que dende o Partido Popular de Cervo falen de “non se sabe que actuacións radicais e violentas no pleno celebrado o pasado día 20 e contéstanlle que só faltaba que a xente estivera calada diante do radicalismo violento exercido polo Partido Popular que recorta dereitos e prestacións básicas para a cidadanía sen contemplacións e sen importar as consecuencias”

Exit mobile version