Emprendedores lucenses
O Director de Fondos Europeos da Deputación, Pablo Rivera, deu o pistolezado de saída á xornada deste sábado coa presentación de empresas, iniciativas e proxectos relacionados coa provincia, realizados en Lugo e para o mundo. Deste xeito, Kenia González, socia fundadora de Sientegalicia.com, presentou este portal online de venda de escapadas, vacacións e ocio, especializado na Comunidade galega. Dende este espazo, ofrécense experiencias diferentes, a bos prezos e coidadosamente seleccionadas para satisfacer ós clientes máis esixentes. Kenia destacou que con formación supéranse todos os obstáculos e confesou que Sientegalicia compite xa cos máis grandes, por exemplo, Tripadvisor ou El Corte Inglés. Eliseo Real, Verónica Vilar e Alba Vilar mostraron a súa particular ollada da provincia con LugOtea. Trátase dunha guía de turismo online, vinculada á cidade de Lugo e a súa provincia, que mostra os encantos desta terra: lugares de obrigada visita, bares, restaurantes, monumentos, eventos, artistas, museos e ata negocios singulares. Estes tres mozos lucenses remarcaron que é necesario valorar o que temos na casa sen buscar fóra o que xa temos. Tamén se presentou Inteligencia Visual da man do seu xerente, Juan Carlos Araujo. É unha empresa de base tecnolóxica cuxa misión é fomentar o uso das novas tecnoloxías entre os distintos sectores da poboación. Ademais, adícase ó desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas, canles de comercialización online, programas de xestión e seguridade na rede. Juan Carlos Araujo adiantou en exclusiva que este ano Inteligencia Visual vai a presentar un novo videoxogo para todo tipo de dispositivos móbiles e PlayStation logo do éxito acadado co anterior.
Un dos protagonistas deste sábado foi Francisco Polo, director para España de change.org, que explicou algunha das campañas sociais con maior éxito levadas a cabo. Por exemplo, a dunha muller vítima de violación ou unha nai que perdeu a súa filla no Madrid Arena. “Animo a todos las personas a ser inspiradoras para otras porque los grandes cambios vienen de pequeños actos”, destacou. Francisco Polo defínese como un emprendedor social, traballando para quen máis o necesita, empregando as súas capacidades para rematar coas inxustizas e creando as ferramentas necesarias para apoderar ó maior número de persoas para que elas mesmas poidan facer o mesmo. A súa conciencia social, os seus coñecementos sobre estratexia online e a súa capacidade de xestión, fixo que Francisco Polo fundase Actuable, unha plataforma para iniciar e gañar campañas de cambio social. Do éxito de Actuable falan as cifras: ó ano e medio do seu lanzamento xa contaba con 2.500.000 de usuarios rexistrados, converténdose na start-up de máis rápido crecemento e en toda unha revolución no activismo. Grazas a esta plataforma, Francisco Polo recibiu o Premio Jóvenes Emprededores Sociais. Posteriormente, en setembro de 2011, Actuable e Change.org acadaron un acordo para unirse e crear a maior plataforma de acción social online do mundo. Dende entón, este profesional confesa facer o que sempre desexou: “cambiar, literalmente, o mundo”.
Máis recoñecidos profesionais
Tras a intervención de Francisco Polo, outros recoñecidos profesionais no sector dixital e marketing online participaron na mesa redonda Marca y estrategia en Internet. Vilma Núñez (@Vilmanunez) de Muwon; María Feijoo (@mfeijoo) de Antevenio; Ramón Puchares (@madclimber) de Unidad Editorial; e Rafa Osuna (@RafaOusna) de Tuidon. #InLugo continuará ás 16:30 horas con Lo bueno, si es breve…10 ponencias de 15 minutos a cargo de Juan García (@blogoff), formador TIC e empresario; Óscar Reboiras (@quecheparece), comunity manager de R; Javier Pedreira (@wicho), cofundador de Microsiervos; Jacobo Lázare (@jacobo¬_lazare), de Disco Azul; Alfonso Alcántara (@yoriento), experto en coaching y empleo 2.0; Pablo Herreros (@pabloherreros), periodista, comunicador e profesional Social Media; Clara Grima (@ClaraGrima), profesora titular da Universidade de Matemática Aplicada de Sevilla; Victoriano Izquierdo (@victorianoi), fotógrafo; Rixar García (@taxioviedo); e Victor Grande (@vitorgrande), cómico 2.0.
Premios InLugo
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, clausurará este I Congreso de Cultural Dixital e Redes Sociais ás 20:00 horas coa entrega dos Premios #InLugo, coas que a institución provincial premia iniciativas, persoas ou organizacións que destacan no bo emprego de Internet e as novas tecnoloxías. Entre as preto de 40 candidaturas presentadas, os gañadores son os seguintes: Adega Vía Romana, El Faro de los Tres Mundos, Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo, Lucense Enfurecido Intelixencia Visual.