IMDECUM, Fundación para o Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo da Mariña nace no ano 2010 grazas ao apoio da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e das institucións públicas, co obxectivo de impulsar, promover e coordinar a actividade deportiva, cultural, educativa e turística da Mariña; fomentar os valores de igualdade, tolerancia, solidariedade, cooperación e integración principalmente na infancia, xuventude, terceira idade, mulleres e daquelas persoas e colectivos con maior risco de exclusión; ademais de difundir, desenvolver e preservar o patrimonio histórico, cultural, natural e turístico da comarca.
Neste sentido Antonio Veiga destacou que “a través desta fundación trátase de unir esforzos para facer realidade unha comarca única en deporte, cultura e turismo onde todos os concellos mariñáns se vexan reflectidos”.
Recoñecida como Fundación de Interese Galego pola Xunta de Galiza, a iniciativa mariñá xermolou no berce do CD Burela FSF, nunha xestión baseada nos modelos da súa escola de fútbol sala, que se fundamentan na cultura do esforzo, a atención á diversidade, a integración social e o principio de igualdade, sen esquecer a busca do talento, a posta en valor da creatividade e o traballo en equipo entre a xuventude da bisbarra.
Todos estes valores vense reflectidos nas actividades que programa anualmente a fundación como a Gala anual da Mariña dos Premios Imdecum, o Encontro do Deporte de Base na Mariña, as Xornadas do Deporte Academia Imdecum, o Torneo de Fútbol Sala Base, o Trofeo do Nadal Mariñán, as Xornadas de Integración e Xogos Tradicionais ou o seminario “Muller e Deporte”.
“Promover o deporte dende a base, fomentar a integración da muller neste eido e facilitar o acceso ao deporte de persoas en risco de exclusión social son algúns dos principais obxectivos que perseguimos desde a área de Benestar Social e Deporte da Deputación, e a Fundación IMDECUM é un dos mellores exemplos que existen a nivel comarcal e provincial neste sentido, motivo polo que mantemos a nosa firme aposta por este proxecto”, concluíu Veiga.