Cómpre lembrar que Xunta e Concello de Burela mantiveron un encntro de traballo no pasado mes de maio para fixar un calendario co obxectivo de ultimar os trámites finais para a aprobación definitiva do PXOM, que se prevé que teña lugar este ano.
A secretaria xeral xunto ao alcalde deste municipio lucense trataron os últimos detalles da Memoria Ambiental do plan que nos próximos días será aprobada.
Nos últimos encontros deuse conta dos resultados da totalidade dos informes sectoriais que xa recibiu o concello, e que o equipo redactor xa incorporou no documento, así como a aceptación do 81% das alegacións, e que equivalen a 300 das 369 presentadas en total.
A secretaria xeral mostrou a súa conformidade cos avances, xa que o PXOM que foi contratado en novembro de 2008, recibiu un importante impulso nos derradeiros dous anos e está cumprindo os prazos fixados na axuda concedida pola Xunta para a redacción do PXOM cunha achega de 120.000 euros. En febreiro de 2011 emitiuse o informe previo á aprobación inicial (IPAI) e hai un ano, en marzo de 2012, foi aprobado inicialmente polo Pleno Municipal.
Encarnación Rivas destacou a importancia da coordinación e a colaboración entre Administracións, neste caso Xunta e Concello de Burela, para a consecución do PXOM que cumprirá os seguintes obxectivos:
1. Rematar a recuperación da zona costeira, tapando medianeiras e insertando zonas verdes entre edificacións e o mar
2. Ampliar a zona dotacional pública vinculada ao hospital da comarca
3. Ampliar a zona industrial existente.