Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta financia con preto de 82.000 euros actuacións en espazos da Rede Natura en concellos da Mariña

Lugo, 3 de xuño de 2013.- A Xunta de Galicia achega preto de 82.000 euros (81.883 euros) para actuacións de mellora en espazos naturais de concellos incluídos en Rede Natura dentro da comarca da Mariña.

Nesta comarca son cinco os concellos beneficiados ao abeiro desta liña de axudas que sufraga a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (MATI). De feito, o departamento autonómico comezou xa a informar aos concellos a concesión destas subvencións.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, subliñou que “o Executivo galego mantén o seu compromiso de preservar o entorno natural, porque, de paso que se actúa no mantemento da nosa identidade, trabállase na mellora dun dos maiores atractivos turísticos cos que contamos e que incide dun xeito importante na economía desta comarca e de toda a provincia”.

Arias explicou que estas axudas van destinadas a sufragar tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a manter as condicións ambientais e a favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e a recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais.

“Trátase de dar resposta á necesidade de contribuír á biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural aumentando o papel dos concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de entidades xestoras de terras”, manifestou Arias, que agregou que o importe da subvención é do 100% do custe do proxecto, cun importe máximo de 20.000 euros por municipio.

No cadro seguinte detállanse os concellos e as actuacións a desenvolver en cada un deles:

CONCELLO

ACTUACIÓNS

Ourol

Acondicionamento do camiño de acceso á minicentral eléctrica de Santa Mariña

O Valadouro

Limpeza e restauración da pista dos Casas, Vilaselas e rego Madeiro

Alfoz

Acondicionamento de camiños na parroquia de Pereiro

Ribadeo

Limpeza e restauración de camiños de acceso aos predios

A Pontenova

Acondicionamento e rexeneración medioambiental e paisaxística das beiras do río Eo

Exit mobile version