Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta formará nas vindeiras semanas a máis de 1.400 persoas desempregadas da provincia de Lugo

Lugo, 5 de xuño de 2013.- A Xunta de Galicia dará formación nas vindeiras semanas a 1.400 persoas desempregadas da provincia de Lugo para incrementar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral. Así o explicou hoxe a delegada territorial, Raquel Arias, quen presentou a primeira fase da oferta de cursos da Consellería de Traballo e Benestar para traballadores e traballadoras sen emprego.

Arias informou de que nestes cursos invístense preto de 4 millóns de euros que xestionan directamente os servizos desta Delegación Territorial. Estes datos sobre beneficiarios e investimentos, subliñou, “incrementaranse notablemente en breve, tan pronto se resolva a segunda fase do plan, que inclúe os cursos adxudicados a empresas, e se sumen o conxunto de accións xestionadas dende os servizos centrais da consellería”.

Estas accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas (AFD) son sufragadas pola Consellería de Traballo e Benestar e promovidas por institucións, entidades sen ánimo de lucro e empresas.

Ata o de agora, segundo sinalou a delegada, están programados 95 cursos, 29 dos cales están organizados por concellos e 44 por sindicatos, organizacións empresariais e diversas entidades sociais. Ademais, 22 cursos corresponden aos centros propios da Consellería en Lugo, Viveiro e Monforte. Neste momento está aínda en tramitación a liña dirixida ás empresas, que inclúe ás academias de formación.

O obxectivo destas accións formativas, afirmou Arias, “é reorientar a traxectoria profesional das persoas en situación de desemprego, xa que no actual contexto resulta imprescindible reciclarse e formarse en novas materias; adaptarse para competir con máis recursos no panorama actual do mercado de traballo”.

Ao respecto, Arias valorou “a concorrencia de numerosos actores que axudan a programar unha oferta local, axustada ás circunstancias do municipio ou da comarca, e polo tanto máis próxima ás necesidades reais das empresas”.

Así, destacou que se implicarán neste proxecto 20 concellos da provincia, que organizan en total 29 cursos, e aos que se destinan 1.380.000 euros. Como todos os anos, engadiu, “é tamén destacable a implicación dos axentes sociais, tanto dos sindicatos, a través das súas áreas de formación, como das organizacións empresariais así como das entidades sociais”.

Na configuración da oferta formativa colaboran tamén os centros integrados de formación profesional da provincia, o Politécnico en Lugo e o Porta da Auga en Ribadeo, e o vindeiro ano poderase incorporar tamén a estas accións o centro integrado das Mercedes.

Arias incidiu en que este plan pretenden atender aos requirimentos de competitividade das empresas, recoñecendo os sectores en alza e cualificando ás persoas desempregadas nas habilidades que demandan nos novos viveiros de emprego.

Por iso, subliñou, un ano máis abundan as accións formativas relacionadas coa atención sociosanitaria, ata o punto de que 19 concellos organizarán cursos sobre a materia. “Quere isto dicir –apuntou- que entre todos estamos a aproveitar o importante viveiro de emprego que supón a atención á dependencia, e atendendo aos requirimentos de profesionalización do sector”.

Oferta propia

Raquel Arias fixo especial mención á oferta deseñada polos centros propios da Consellería de Traballo e Benestar na provincia, que contan cun orzamento propio e independente do programa de subvencións.

Estes centros, asegurou, “xogan un importante papel porque completan o catálogo de cursos, polo xeral introducen accións de corte técnico e dispoñen de instalacións, ferramentas mecánicas e tecnolóxicas axeitadas para a aprendizaxe práctica”.

Así, o Centro de Formación Profesional Ocupacional de Lugo organiza 14 cursos, en sectores tan diversos como a atención sociosanitaria, as instalacións eléctricas, sistemas microinformáticos ou electromecánica de vehículos.

Igualmente, o Centro de Formación Ocupacional de Viveiro convoca cinco cursos, e a Unidade de Acción Formativa de Monforte outros tres.

Para a Xunta de Galicia, concluíu a delegada, “as accións de formación profesional conforman un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego. Á vista está o importante esforzo inversor que realiza a Consellería de Traballo e Benestar nestas medidas para mellorar a empregabilidade”.

Exit mobile version