Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta impulsa un plan para ofrecer case 570.000 metros cadrados de solo industrial na provincia de Lugo

O Partido Popular de Lugo quere poñer en valor o plan anunciado pola Xunta no día de onte e sinala que só na nosa provincia ofértanse 567.458,74 metros cadrados de solo industrial dun xeito “máis accesible, a mellor prezo e en mellores condicións de pagamento”.

Trátase, en resumidas contas de abaratar os prezos do solo, de ofrecer facilidades de pago para empresas e emprendedores naqueles parques industrias da nosa comarca con parcelas dispoñibles e que foron promovidos pola administración autonómica. A medida busca contribuír a xerar novas oportunidades de emprego e servir de pulo para a reactivación económica.

Os populares explican que na provincia de Lugo os concellos de Lugo (As Gándaras), Bóveda, Barreiros, Cervo (Cuíña), Guitiriz, Foz, Viveiro (Landrove), Lourenzá, Monterroso, Cospeito (Muimenta), O Corgo, Palas de Rei, A Pontenova, Quiroga, Vilalba, Xermade teñen de preto de 300 parcelas dispoñibles (273) cuxos futuros propietarios poden beneficiarse destes apoios.

Desde o PP lembraron as palabras do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen explicou que impulsou este paquete de medidas e apoios para que os que queiran investir en solo industrial en Galicia “saiban onde poden facelo e que, neste momento, é máis sinxelo que nunca facelo”.

Póñense así en marcha medidas distribuídas fundamentalmente en dúas liñas: realizar importantes descontos no prezo do solo e facilitar o pago, e, en segundo lugar, fomentar a colaboración con todas as administracións –fundamentalmente concellos- para vender máis solo industrial.

BONIFICACIÓNS DE ATA O 20 E 50%

En concreto, a administración autonómica impulsará –a través da empresa pública Xestur- as seguintes medidas económicas de fomento da venda de solo empresarial:

– Unha bonificación do 5 por cento do prezo da parcela para os interesados que simplemente se inscriban no rexistro de demandantes de solo industrial aberto o pasado luns no Diario Oficial de Galicia

– Descontos por pago ao contado, por volume de compra, de acordo as seguintes liñas: no caso de parques rematados hai máis de 5 anos, o desconto será de ata o 10 por cento, e cando o importe da compra supere os 500.000 haberá unha bonificación extra do 5 por cento, mentres que nas contías inferiores a esa cantidade o desconto será do 3 por cento. SE operación engloba tres ou máis parcelas, haberá un desconto adicional doutro 2 por cento.

Xunto con isto destacou que, no caso das naves e industrias emprazadas fóra de ordenación, se establecen condicións especiais para facilitar o traslado a polígonos industriais. Neste caso, sinalou, a achega dos Xestures será dun desconto do 3 por cento sobre o prezo de venda que se ven sumar aos descontos anteriores. Finalmente, avanzou que se ofrecerán parcelas singulares a baixo prezo, con descontos que oscilan entre o 5 e o 50 por cento. Polo tanto, destacou, estamos cunha batería de descontos que serán de media do 20 por cento

Ao carón destes incentivos, o Goberno galego acordadas as medidas destinadas a facilitar o pagamento do solo industrial, contemplando o aprazamento de ata en cinco anos. Ademais, Balseiro quixo subliñar que se abre a posibilidade de establecer o dereito de superficie por 30 anos prorrogables e, en terceiro lugar, se crea a oportunidade de aluguer con opción a compra.

FOMENTO DA COLABORACIÓN

Non só a Xunta pretende impulsar estes apoios a motu propio xa que logo, como explican desde o PP, ten previsto desenvolver vías de colaboración con concellos e entidades bancarias. Esta colaboración empezará polas propias consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e de Economía e Industria, que dará lugar a unha liña de subvencións a fondo perdido para a compra de superficie empresarial e rematará coa implicación daqueles concellos que queiran participar con descontos de ata o 90 por cento das taxas e impostos aos compradores e ás PEMEs locais e comarcais.

Procurarase tamén unha liña de colaboración coas entidades bancarias para facilitar o financiamento das operacións da venda de solo empresarial da comunidade autónoma.

Exit mobile version