Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta mellora a cobertura de TDT a 1.600 veciños de Cervo

130613 Mellora da cobertura da TDT no concello de CervoLugo, 13 de xuño de 2013.- A posta en funcionamento do centro emisor de Monte Buio permite achegar unha oferta máis completa da Televisión Dixital Terrestre (TDT) a preto de 1.600 persoas do concello de Cervo. Así o indicou no día de hoxe a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, que visitou o concello para comprobar os resultados dos traballos desenvolvidos ao longo dos últimos días.

Arias, acompañada polo alcalde da localidade, Alfonso Villares, destacou que “o inicio das emisións destes novos múltiplex forma parte das melloras que está a realizar a Xunta de Galicia para a recepción da TDT na Mariña Lucense, para o que está a realizar un investimento de 60.500 euros”.

O concello de Cervo puxera en marcha a principios de 2009 un repetidor de TDT no monte Buio, grazas ás axudas recibidas polos desastres ocasionados polo ciclón Klaus. Este centro, que cubría a parroquia de Santa María de Rúa, non ofrecía na actualidade unha resposta ás necesidades actuais de cobertura do concello. Ademais, a súa tecnoloxía quedou desfasada, polo que o Concello de Cervo e a propia Raquel Arias solicitaron a colaboración da Secretaría Xeral de Medios para mellorar a cobertura da TDT neste municipio.

Para poder sintonizar as canles que ofrece a TDT, os interesados deben, en primeiro lugar, dispoñer da cobertura adecuada dos devanditos centros emisores, podendo confirmar tanto o centro correspondente a cada zona como a calidade da cobertura por vía telefónica -981 572 154-, ou na web da Oficina Técnica da TDT -www.tdtgalicia.es-.

A continuación, basta con realizar unha busca de canles no receptor de TDT. No caso das comunidades de veciños, pode ser necesario axustar a antena colectiva para asegurar a calidade da recepción. Así mesmo, para poder ver as canles que emiten en alta definición é necesario, ademais, dispoñer dun receptor con sintonizador de alta definición HDTV.

Deste xeito, os beneficiados poderán desfrutar das novas canles da TDT, que se distribuirán da seguinte forma:

Canle 29: TVG, G2, VTelevisión, PopularTV
Canle 47: TVEHD, TDP(Teledeporte)
Canle 63: TVE1, TVE2, Clan, 24h
Canle 67: Cuatro, Divinity, La Sexta, Nueve, GolTV
Canle 68: Telecinco, La Siete, FDF, Intereconomía, Disney Channel
Canle 69: Antena3, Neox, Nova, Discovery Max, AXN

Exit mobile version