Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA convocou limpezas en máis de 20 areais dende Baiona á Mariña

Sábado 8 de xuño. ADEGA organiza a limpeza simultánea de praias, hoxe e mañá haberá limpezas en máis de 20 areais dende Baiona ata Burela. Serán actos de educación e voluntariado ambiental para mudar conciencias e reivindicar políticas de reciclaxe e reutilización no día mundial dos océanos. Trinta entidades de todo tipo participarán nesta actividade simultánea.

A maioría das cousas que usamos ou consumimos están feitas con algún material plástico, un material feito para durar sempre pero que utilizamos durante un período de tempo limitado, moitas veces ínfimo. A mentalidade do usar e tirar é relativamente recente, se o pensamos ben, non fai moito os recipientes da maioría dos produtos eran reutilizables (vidro, aluminio…) e duraban moito máis. Actualmente recupérase só un 5% do plástico producido mundialmente (225 millóns de toneladas anuais). Un 50% remata en vertedoiros ou incinerado, e unha grande parte “desaparece” no medio, moitas veces nos océanos.

A contaminación por plástico é un grave problema que afecta aos ecosistemas mariños. Estes residuos causan a morte de máis dun millón de aves mariñas, e de 100.000 mamíferos mariños e tartarugas cada ano. Estes animais confunden o plástico (tapóns, bolsas, etc.) con alimento e acaban morrendo de inanición cos estómagos cheos de lixo. Outros acaban enredados nestes residuos e morren igualmente.

No océano hai plásticos que flotan e outros que afunden. A luz do sol acaba fragmentando e converténdoo en pequenas partículas que nunca desaparecen. O microplástico tamén chamado “plancto plástico” está formado por pequenas partículas que atraen substancias como DDT, PCB ou outros pesticidas daniños para a saúde, incrementando os seus niveis e polo tanto a súa perigosidade. É por iso que os pequenos plásticos no océano non son inocuos. Estas substancias altamente canceríxenas acaban pasando a cadea trófica en peixes que viven libres nos océanos, e que rematan nos nosos pratos, afectando directamente á nosa saúde.

Ante esta grave problemática ambiental dende ADEGA convidámoste a pasar á acción. O máis importante nesta loita é mudar os hábitos e reducir día a día o consumo de plástico, utilizando bolsas de tea, comprando a granel, rexeitando os produtos con varios embalaxes innecesarios, mudar as botellas de auga por cantimploras…

Cada ano celebrando o día dos océanos ADEGA convoca unha limpeza simultánea de praias en toda Galiza. Centros de ensino público, institutos, universidades, escolas de surf, centros de mergullo, asociacións culturais, colectivos ecoloxistas en máis de 20 praias en todo o litoral galego mobilizarán a grandes e pequenos/as pola defensa dos océanos.

Podes ver as limpezas convocadas e unirte a algunha ou organizar unha coa túa asociación ou grupo de amigas e amigos.

Na limpeza simultánea de praias están inscritas as seguintes entidades:

CONCELLO

Colectivo

PRAIA

A Coruña

ADEGA-Coruña e Plataforma pola defensa da ría de Sada

Praia de Morazón

Baiona

Concello de Baiona

Praia de Baiona

Burela

IES Perdouro

Perdouro

Carnota

Raínha Lupa,

Plataforma pola defensa do Patrimonio de Quilmas e ADEGA- Costa da Morte

Corna Becerra

Fene

ASPANEPS

Praia de San Valentín

Ferrol

ADEGA Ferrolterra e

Océano Surf Clube

Doniños

Fisterra

IES Fin do Camiño

Praia de Fisterra

Fisterra

Voluntariado e veciñanza

Praia do Talón

Laxe

IES Baio-Zas

Traba (Laxe)

Miño

GN Hábitat

Praia da Alameda

Muxía

Programa de voluntariado do concello de Muxía

Praia dos muiños

Nigrán

Prado Surf Escola

Praia de Patos

O Grove

Riders Surf School

A Lanzada

O Grove

IES As Bizocas

Areal da Cruz

Oleiros

Oficina de Medio Ambiente da UDC

Bastiagueriño

Poio

Plataforma Veciñal de Samieira

Areal do Laño

Porto do Son

ADEGA – Nacional

Queiruga

Vigo

Buceo Balea

Marina Dávila

Vigo

Voces polo litoral de Teis

A Lagoa

Vilanova de Arousa

IES A Basella

Terrón

Viveiro

Van Surf School e A Estruga

Praia de Viveiro

 

Exit mobile version