Esta proba, a máis importante que organiza o Club Náutico de Foz, neste caso coa colaboración da Vicepresidencia do ente provincial, contou coa participación dos 8 mellores equipos de Galiza. Cada equipo aportou cinco deportistas, polo que participaron un total de 40 regatistas.
Durante a xornada do sábado disputáronse os 28 encontros do Round Robin, todos contra todos, mentres que o domingo tiveron lugar as semifinais e finais, nun contexto metereolóxico complicado. Do grupo de semifinalistas composto polo Club Náutico de Canido, Real Club Náutico da Coruña, Club Casino Vilagarcía e o Club Náutico de Vigo, foron os dous últimos os que lograron pasar á final. O equipo vigués, conseguiu vencer despois de dúas mangas, ao mellor de tres, converténdose no campión galego.
Antonio Veiga congratulou a todos os regatistas que participaron nesta proba así como ao Club Náutico de Foz xa que “todo o que sexa promover deportes de mar significa pór en valor a comarca. Ademais de ser un deporte moi vistoso e unha moi boa experiencia para as rapazas e os rapaces, resulta algo moi positivo de cara á promoción turística de Foz e da Mariña”.