Site icon Crónica3.com A Mariña

Axuda ó Enfermo Mental “A Mariña” participa no VII Campionato de Balompé Todos polo Fútbol

PENTAX DIGITAL CAMERAA Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) celebra o sábado 22 de xuño a final do VII Campionato de Balompé Todos polo Fútbol, un encontro deportivo no que participan equipos de oito asociacións de toda a comunidade autónoma. O campionato terá lugar no pavillón A Gándara de Narón a partir das 11 da mañá e, ao longo de toda a xornada, disputaranse varios partidos ata a entrega de premios.

O obxectivo deste evento é promover o deporte en igualdade, impulsar a práctica de deporte entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social que padece este colectivo. En total, Feafes Galicia agarda reunir no pavillón a máis de 300 persoas, entre participantes e acompañantes.
Dende o mes de marzo ata mediados de xuño, os 9 equipos que participan na liga enfrontáronse nunha serie de partidos, que agora conclúen nesta final, que se disputa seguindo o modelo dos play-off, con encontros de 30 minutos de duración.

En total, participan nove combinados, procedentes de oito asociacións de toda Galicia. Así, Apem envía dous equipos, un da Coruña e outro de Cambre. Ademais, compiten, Doa (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela), Morea (O Barco de Valdeorras), Portanova (Ferrol e Cerdido), Lar (Vilagarcía de Arousa) , Alba (Pontevedra) e a Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “A MARIÑA” (con centros en Burela e Ribadeo).

Esta actividade, organizada polo departamento de Ocio e Deportes de Feafes Galicia, ten como obxectivo amosar á sociedade a imaxe máis positiva do colectivo de persoas con enfermidade mental, loitando de modo activo contra os estereotipos e o estigma social. As actividades organizadas polo servizo de Ocio de Deportes tamén permiten mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias. Así, os participantes nas actividades rompen coa rutina diaria, realizan actividade física desde unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permite un respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores.

Hoxe tivo lugar o último adestramento do equipo de A Mariña, antes da final, no que se presentou o cartel do evento.

Para a asociación será unha xornada moi especial, “pois contaremos co acompañamento das familias, compañeiros e voluntarios como, Patricia Oliveira, gardameta do equipo de fútbol-sala feminino de primeira división Burela F.S Pescados Rubén”.

Exit mobile version