Santiago, 5 de xuño de 2013.- O portavoz de Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, subliño hoxe no Parlamento a colaboración existente entre a Xunta de Galicia e o Consello Regulador na promoción do mexillón galego e informou que se está a traballar nunha nova campaña de difusión deste produto para os vindeiros dous anos.
Balseiro manifestou que as 3.300 bateas de mexillón existentes en Galicia “convértena en potencia mundial neste produto marisqueiro, que conta cun sistema que blinda a calidade sanitaria dos seus produtos a través do Intecmar”.
PROMOCIÓN
“Non ten sentido algún a solicitude realizada polos socialistas galegos para que se leven a cabo accións de promoción do mexillón galego, porque é algo que xa existe e o único que están demostrando é que descoñecen o sector”, sinalou Balseiro. Neste sentido, explicou que “xa existe neste momento unha campaña entre o Consello Regulador do Mexillón e a Xunta de Galicia e neste intre estanse elaborando os pregos para unha nova campaña de promoción deste produto que se desenvolverá durante os dous vindeiros anos”.
Respecto á polémica creada en Francia co mexillón galego, Balseiro indicou que “a alerta durou dous días, tivo pouca repercusión mediática e quedou aclarado que foi motivado por un problema na depuradora ou no restaurante francés”. “Quedou claro que calquera problema do que se falaba neste asunto era alleo a Galicia”, apuntou.
Neste sentido, o portavoz popular criticou “o papel desafortunado realizado polo Partido Socialista” nesta polémica, en concreto o “papel desleal dunha ex conselleira que buscou alarmar ao sector e ao consumidor, causando prexuízos a este importante sector marisqueiro galego”.