Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro destaca a figura de Ceferino Díaz por “ser unha peza clave para o maior autogoberno de Galicia”

O secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, acudiu esta tarde en Escairón á homenaxe póstuma ao histórico socialista Ceferino Díaz, organizado por familiares e amigos na Devesa de Escairón, no Saviñao, como era vontade do político, que apostaba por “recordar o positivo do pasado e poñer pasos para un futuro mellor”.

Gómez Besteiro lembrou entre os seus compañeiros de partido a figura de Ceferino como “unha peza clave para o maior autogoberno de Galicia” á hora de negociar o Estatuto do 81. O socialista ensalzou a súa “talla intelectual” e o seu “traballo e amor pola terra”, ademais de “aunar do mellor xeito posible e demostrar a compatibilidade entre socialismo, galeguismo e país” no PSdeG. “O carácter galego no noso partido, ese peso do `G` nas nosas siglas, debémosllo en gran parte a el”, afirmou.

Besteiro lembrou ademais dúas frases de Ceferino Díaz que deixou no último Comité do partido no que participou en Compostela: “Fai falta un partido que aclame menos, aplauda menos e debata máis” e “Todos temos que ser xenerosos para deixar paso aos mellores; se non, morreremos de éxito buscando os culpables fóra”. “Desde entón as teño apuntadas na miña folla de ruta do socialismo”, afirmou o secretario provincial.

Exit mobile version