Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro: “O PP sabe que a forza do socialismo está nas cidades e nos concellos e aí empezaremos o noso cambio para Galicia”

BESTEIRO OURENSE 2José Ramón Gómez Besteiro, aspirante á secretaría xeral do PSdeG, reuniuse hoxe coa militancia de Ourense para presentar o seu proxecto e destacou a importancia de rearmar e reforzar o partido “desde o municipalismo, porque os municipios son o vínculo político máis importante dos socialistas coa sociedade”, un punto “que diferencia radicalmente a forma de facer política do PSdeG coa do PP, que o que quere é desmantelar e vaciar os concellos de contido”, afirmou, en referencia á reforma da Administración local. “O PP sabe que a forza do socialismo está nas cidades e nos concellos, e aí empezaremos o noso cambio para Galicia”.

O socialista, que insistiu no importante camiño que debe percorrer o PSdeG co horizonte das eleccións locais de 2015, destacou ante a militancia o papel “dos representantes do partido nos municipios, que son os que están a dar a cara ante a cidadanía máis de preto” e por iso “non poden esperar máis por un partido forte e unido que os respalde cun proxecto de futuro, nin poderían soportar por máis tempo unha situación de interinidade”.

Para Gómez Besteiro a aposta polo municipalismo “é un modelo propiamente socialista, a diferenza do que pasa noutras formacións políticas, e a recuperación do partido pasa necesariamente por volver a potenciar os concellos, que son a primeira porta onde tocan os veciños”. Coñecedor da vida municipal pola súa propia traxectoria política, Besteiro sostén que “cando o PSOE se alonxou do municipalismo, nunca lle foi ben”.

Reforma da intermunicipalidade
Gómez Besteiro volveu ratificar a súa oposición á reforma local “porque só busca secuestrar a autonomía local, privatizar servizos e diminuír a calidade dos mesmos”. Ademais, en Ourense, quixo destacar que “as deputacións socialistas non teñen nada que ver coas do PP” e reseñou o valor da alcaldía nesta cidade “en contraposición a unha Diputación que non representa a Administración do século XXI e que ten formas herdadas”. Dito isto, afondou na súa idea de abrir a porta a outro modelo. “Estou totalmente a favor de reformar a intermunicipalidade para cooperar máis cos concellos, sobre todo cos de menos de 20.000 habitantes”, dixo, e insistiu en que “hai unha clara brecha entre unhas e outras formas de gobernar, e os socialistas temos que insistir en facer pedagoxía para que isto se saiba”.

Para esta posible reforma, Gómez Besteiro referiuse a modelos como os departments franceses, os kreise alemáns, as provincias finlandesas ou os provinces belgas. “As deputacións socialistas non estamos dispostas a ser os homes de negro do Estado, nin a suplantar os municipios nas súas competencias, senón a asistilos para que as poidan facer efectivas. E esta función na que, a través de economía de escala e traballo en rede, convertemos os problemas micro en solucións macro, pódese facer desde unha deputación ou desde novos modelos de xestión da intermunicipalidade aos que estou totalmente aberto”, afirmou.

Exit mobile version