Site icon Crónica3.com A Mariña

Burgo quere arrincar no Parlamento “unha resposta seria” da Xunta sobre a dotación do antigo Xeral

A deputada socialista lucense Concepción Burgo vén de rexistrar novas iniciativas no Parlamento galego para arrincar “unha resposta seria” por parte da Xunta con respecto á dotación dos edificios do antigo Hospital Xeral no barrio lucense da Residencia. Burgo lembra que leva tres anos tratando de acadar un compromiso na Cámara, e esta vez esixirá “que digan a verdade e aclaren dunha vez se van abandoar os edificios ou, do contrario, que dean prazos firmes” porque, di, “xa non valen máis excusas despois de tres anos de promesas e paripés do PP” que “enganou á veciñanza e afundiu o barrio da Residencia”.

Burgo lamenta asimesmo as recentes declaracións do director xeral de asistencia sanitaria, Félix Rubial, declarara que “agora non toca” falar dos edificios. “Como poden dicir que agora non toca, cando Feijóo, Pilar Farjas, Raquel Arias ou Jaime Castiñeira levan meses vendendo o seu compromiso, tamén en campaña electoral, mentindo e incluso levando iniciativas ao Parlamento sobre este tema?”, pregúntase a socialista, “é que a súa palabra non vale nada?”.

A deputada destaca que o Goberno galego nunca lle deixou ver o suposto estudo de viabilidade que descartaba a posibilidade de habilitar unha residencia nos edificios do Xeral, pese a que o solicitou varias veces polo artigo 9. Ademais, lembra “os continuos paripés do PP”, que “xa prometeu que habilitaría un PAC, un centro de saúde e un laboratorio de referencia; despois o laboratorio desapareceu; posteriormente anunciaron ata unha comisaría de policía e a última promesa, ratificada polos responsables provinciais e autonómicos, foi un centro de saúde mental”. Ante esta situación, a única conclusión é que o Goberno galego “enganou á veciñanza e afundiu o barrio da Residencia, que se desangra co abandono dunhas instalación vitais para recuperar a actividade”. Burgo amosou o seu apoio ás manifestacións e protestas dos veciños, que volverán a mobilizarse este xoves.

Exit mobile version