Aínda que estas representacións a pé de rúa non son algo novo, pois xa se teñen levado a cabo en pasadas edicións, nesta ocasión ofrecerán algo diferente aos espectadores, nunha xornada que estará chea de sorpresas e na que tanto o espectáculo como a música serán protagonistas.
A área de Cultura da Deputación, impulsora deste proxecto, con actividades coma esta pretende promover e dar a coñecer a quinta edición dos circuítos Buxiganga, un programa esencial á hora de potenciar o teatro en todas as súas vertentes como un elemento de transmisión cultural, fomentar o emprego do galego neste ámbito e cumprir unha importante función de cohesión e integración social.
É de destacar o incremento que vén sufrindo o número de colectivos participantes neste proxecto dende os seus inicios, no 2009. Tanto é así, que esta quinta edición contará cun total de 30 grupos de teatro, seis máis que na pasada edición, dos cales 10 pertencen á comarca da Mariña, o que supón unha posta en escena a través de 117 actrices e actores mariñáns. Deste xeito, configúrase un calendario con un total de 29 representacións na comarca a cargo de diferentes colectivos teatrais da provincia, e 24 actuacións que os grupos mariñaos porán en escena en distintos puntos da provincia.
O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, en máis dunha ocasión, ten manifestado que “A Mariña é a comarca onde o programa ten máis éxito tanto polo número de grupos como polo de espectadores, rexistrandose máis de 2.000 na pasada edición. E a clave dese éxito radica en que este proxecto ofrece aos colectivos a posibilidade de aumentar o número de representacións e montaxes teatrais, algo que ao mesmo tempo, fomenta a creación de novos grupos de teatro afeccionado”.