En Ribadeo lograron bandeiras azuis este ano as praias de As Catedrais, Os Castros-Illas e Esteiro, o sendeiro azul que vai desde a Illa Pancha ata o Muíño das Aceas, e por primeira vez conseguiu unha distinción temática pola xestión de residuos urbanos, residuos de aparatos eléctricos e electrónicos e residuos de pilas e acumuladores. Cupeiro dixo que “este galardón é un premio ao traballo ben feito e ás boas prácticas dos cidadáns aos que felicita pola súa concienciación”.
O edil de Medio Ambiente amosouse satisfeito polas bandeiras azuis que Ribadeo acadou neste 2013, “para praias tan visitadas como é o caso das Catedrais, para areais coma Os Castros-Illas ou Esteiro, unha praia accesible para as persoas que sofren algún tipo de discapacidade. E moi importante é o galardón que voltou a recibir o noso sendeiro verde. Agora só nos queda mantendo a liña de traballo que iniciamos hai uns anos e que segue a dar os seus froitos”.
Tamén recibiu a bandeira azul este ano o Real Club Náutico de Ribadeo.