A Asociación Cultural A Pomba do Arco, no marco do I Foro de Economía, organiza unha mesa redonda que leva por título “A Sanidade Pública?” e que se celebrará o vindeiro venres, 14 de xuño, ás 20:30 horas, no Centro de Interpretación da Mariña (Cenima) de Foz. Iago Villamíl, médico do Servizo de Medicina Interna do Hospital da Costa; Víctor Vila, traballador de Atención Primaria e Atilano Fernández, presidente da Comisión Focense de Sanidade participarán no debate que cobra especial relevancia en Foz, xa que o desmantelamento da sanidade pública comezou fai máis de dúas décadas coa supresión do servizo de urgencias e proseguiu coa modificación do mapa sanitario deixando ós focenses sen PAC. Desde a Asociación Cultural A Pomba do Arco lembran que “expertos en xestión sanitaria e o propio persoal facultativo está a propoñer novos modelos sanitarios e medidas que contribúen a conter o gasto sanitario pero que non afectan á atención sanitaria nin á seguridade dos pacientes e cuxa efectividade está demostrada, mais non están a ser escoitados polos gobernos. É preciso ser cauteloso á hora de aprobar medidas para que os recortes no eido sanitario non cheguen a incrementar até as taxas de mortalidade como xa aconteceu en outros países”, engaden.