Site icon Crónica3.com A Mariña

Discurso do concelleiro do BNG na sesión plenaria da moción de censura no Concello do Valadouro

O concelleiro do BNG no Valadouro, Eduardo Chao, manifestou durante a sesión plenaria da moción de censura no Concello do Valadouro celebrada este martes 4 de xuño que “o apoio do BNG non fica só nun cambio de persoas, senón en facilitar un cambio de goberno e polo tanto de políticas, camiñando cara á democratización total do Concello”.

Despois de 25 anos de gobernos da dereita o resultado foi: Promesas incumpridas arredor do polígono industrial, unha concentración parcelaria nunca rematada, eliminación do matadoiro municipal, pasividade ante a desaparición do servizo de notaría, eliminación da oficina local de Extensión Agraria, acusada perda de poboación…

Por todo isto e moitas outras cuestións que sería longuísimo enumerar, apoiamos un novo goberno, mais o noso apoio non supón un cheque en branco.

Quero deixar claro que eu non asinei a famosa cláusula do documento notarial, xa que eu non formo parte do goberno local.

Exerceremos unha intensa vixilancia do pacto de goberno e por riba de todo do cumprimento das bases programáticas achegadas polo BNG na negociación:

-ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS (no presente exercicio por falta de tempo terán que elaborarse uns orzamentos polo método tradicional, mais nos exercicios vindeiros exixiremos que sexan confeccionados contando coa opinión da veciñanza e dos colectivos sociais).

-EMPREGO (fomento de cooperativas, impulso a emprendedores, posta en valor dos recursos produtivos locais, racionalización e fomento do cooperativismo na explotación forestal…)

-POLÍTICA SOCIAL (creación da figura do dinamizador social nas parroquias para evitar o illamento social dos sectores máis vulnerábeis. Posta en marcha do préstamos de libros de texto para liberar ás familias duns elevados gastos anuais…)

-POLÍGONO INDUSTRIAL (esixir á Xunta o cumprimentos dos acordos –tanto dos históricos como dos recentes- vinculados á creación do polígono)

-UNIFICACIÓN DO VAL (fomento da sinerxia con Alfoz a todos os niveis, tomando a iniciativa dende o goberno local).

Exit mobile version