
A terceira edición do Día Solidario que se celebrou en Barreiros o pasado sábado foi un éxito, segundo a organización. Os cartos recadados, 1.400 euros, xa foron entregados á Asociación Española de Loita contra o Cancro de Lugo. A xornada comezou cunha ruta a pé a Santo Estevo do Ermo, houbo un mercadillo solidario na praza do Concello durante todo o día e actividades para nenos e adultos. Ao xantar celebrado no restaurante Yenka-Ledo de Reinante asistiron 118 persoas. O día rematou cun espectáculo de karaoke e maxia no que participaron 25 nenos. A Rede de Voluntariado Local de Barreiros e a Concellería de Servizos Sociais agradecen o apoio de todas as persoas que acudiron ao III Día Solidario.