Site icon Crónica3.com A Mariña

Goméz Besteiro avoga por “cambiar o concepto de produtividade” e “pechar ciclos” en Galicia

TERRA CHA 2O aspirante á secretaría xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro reuniuse esta mañá en Vilalba coa militancia da comarca da Terra Chá para presentar o seu proxecto de partido e falar de solucións de futuro para Galicia. O socialista avogou por “cambiar o concepto de produtividade” en Galicia, para o que é necesario “crer realmente no crecemento, non só dicilo porque queda ben, e poñer medidas para logralo”, contrapoñéndoo ao que está a facer o goberno da Xunta.

“O PP quere aumentar a produtividade recurtando salarios e postos de traballo, sen resultados. A única forma de gañar produtividade e competitividade é apostar pola formación, por unha educación de calidade e polo i+D+i. Está demostrado que o retorno económico da innovación é moito maior que o das políticas de austeridade”, argumentou Besteiro.

Para o socialista, o problema de zonas como a da Terra Chá ou moitas outras en Galicia é “que non se pechan os ciclos de produción” nin se apoia iso. “Vendemos leite, pero temos que mercar os iogures”, exemplificou, e apostou por “pechar ciclos coas persoas desempregadas pero cualificadas que agora mesmo se ven na obriga de buscar oportunidades fóra”. Gómez Besteiro puxo tamén o exemplo da transformación da madeira en Galicia, un sector infrautilizado, e destacou “unha cifra incrible, que só o 1,4% da poboación activa en Galicia pertence ó sector primario a pesar de ser un lugar cunhas condicións privilexiadas, algo impensable nos países desenvolvidos como Francia ou EEUU, onde nunca abandoaron o seu sector primario”.

O aspirante á secretaría xeral do PSdeG propuxo incentivar fórmulas de cooperativismo, “que xeneran maior produtividade e emprego”, e quixo desmentir a fórmula de austeridade nos custos laborais e rebaixa de salarios como fórmula para saír da crise. “Precisamente os países con custos laborais máis altos son os que teñen menos paro”, dixo. “É difícil avanzar se seguimos a inverter en innovación por debaixo incluso da media española e se non cremos nunha política industrial baseada nunha cadea de valor”, lamentou Besteiro, que cre que a raíz do problema é que “Galicia ten un goberno que non cre realmente nas súas posibilidades, e que está instalado no discurso da austeridade e a resignación” en lugar de ver “as potencialidades de futuro e aportar un proxecto serio a longo prazo, porque algúns son incapaces de ver máis aló da foto e os réditos inmediatos a calquer custo”.

Exit mobile version