Site icon Crónica3.com A Mariña

Igualdade presenta en Lugo as axudas aos concellos con 3,3 millóns de euros

Lugo, 12 de xuño de 2013.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, xunto coa delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presentou hoxe aos alcaldes da provincia lucense a convocatoria de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade, nas que o Executivo galego destina preto de 3,3 millóns de euros (3.286.335 euros, en concreto), cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo.

No tocante á provincia de Lugo, no pasado ano participaron 19 concellos e subvencionáronse 26 programas de actuación neste eido. O investimento total nesta provincia foi de 410.701 euros.

A convocatoria do presente ano engloba tres programas de colaboración coas entidades locais:

– A promoción da igualdade entre homes e mulleres e prevención da violencia de xénero
– O fomento da conciliación
– O apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIM)

Ademais, coa finalidade de lograr unha xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, impulsaranse os proxectos de xestión compartida, polo que se concederá prioridade ás solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local. Este ano tamén se terá en conta na convocatoria aqueles concellos galegos que estean adheridos á Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero.

Así mesmo, as bases reguladoras contemplan a concesión de anticipos de ata o 60% das axudas concedidas, contribuíndo a que as entidades locais dispoñan dos recursos cando realmente os precisan, máxime neste momento conxuntural no que se atopan nunha situación financeira delicada e reciben maior demanda de servizos.

O Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes está destinado a medidas como actividades de coeducación dirixidas á poboación infantil e xuvenil ou elaboración de plans municipais de igualdade de oportunidades; a liña de prevención e tratamento da violencia de xénero, a accións de prevención deste problema e intervencións de carácter integral coas vítimas. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros no caso de solicitude individual e ata 15.000 euros se é unha solicitude conxunta.

Pola súa banda, o programa destinado á conciliación subvenciona todas aquelas accións que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, como os bancos de tempo ou os plans de programación do tempo das cidades. Neste segundo programa, a contía máxima será de 12.000 euros para as solicitudes individuais e ata 18.000 euros nas conxuntas.

Por último, o programa dedicado aos CIMs, ten por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes. A contía máxima por este programa é de 45.000 euros, e ata 70.000 euros no caso dunha solicitude conxunta.

Exit mobile version