Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 150 ciclistas participarán no Campionato galego Maratón BTT

maraton_BTTLugo, 26 de xuño de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou, esta mañá, na presentación do Campionato de Galicia Maratón BTT, organizado polo Club Ciclista Monforte en colaboración coa área de Deporte do organismo provincial e a Federación Galega de Ciclismo. Tamén participaron no acto de presentación o alcalde de Pobra de Brollón, Xosé Lois Maceda, o concelleiro de Deportes, Ricardo Rodicio, e o corredor Pablo Paz, campión galego na modalidade de rallie, que acudiu en representación do club organizador.

Esta proba de Ciclismo Montaña XC-Maratón, que dará comezo ás 9:30 horas do vindeiro domingo, 30 de xuño, transcorrerá pola localidade de Pobra de Brollón e terá un percorrido de 60 quilómetros no que se calcula participarán entre 150 e 200 ciclistas. Trátase dun trazado que destaca pola súa dureza e unha dificultade física moi alta.

Durante a súa intervención, Antonio Veiga destacou a “aposta decidida da área de Deporte da Deputación e do Concello de Pobra de Brollón por este tipo de probas que, ademais de promocionar unha deporte como é o ciclismo, serven para impulsar o turismo e a economía da provincia, neste caso concreto o da zona sur de Lugo, que reúne unhas condicións orográficas e paisaxísticas idóneas para a práctica desta disciplina”.

Paralelamente desenvolverase a IV Marcha de “Sendas Verdes da Pobra”, unha cita non competitiva e de carácter lúdico na que se percorren catro rutas de diferentes niveis físicos e técnicos adaptados aos diferentes usuarios da bicicleta de montaña: a Ruta de Pobra do Brollón, a Ruta da Ferreirúa, a Ruta de Salcedo e a Ruta da Serra da Auga Lavada.

Exit mobile version