Site icon Crónica3.com A Mariña

MAUmarela! crea a I Escola Creativa para este verán

O Espazo de Aprendizaxe e creatividade pedagóxica MAUmarela! lanza a súa I ESCOLA CREATIVA DE VERÁN entre o 1 de xullo e o 16 de agosto, en horario de 9 a 14 horas

Ribadeo, 17/06/13.- A I Escola Creativa de verán MAUmarela! é unha iniciativa singular froito da colaboración entre diferentes profesionais provintes do mundo das artes, a filosofía, o xornalismo, a pedagoxía e a arquitectura. “O noso obxectivo principal é a calidade. Queremos proporcionar actividades verdadeiramente creativas e útiles para o desenvolvemento da intelixencia, da imaxinación e da motivación nos máis pequenos”, sinalan Guillermo Hernández e Celtia Traviesas, responsables de MAUmarela!

A escola está programada para nen@s de entre 6 e 12 anos. Inclúe actividades artísticas, intelectuais, corporais, literarias e de pensamento creativo. O taller Filósof@s en Chanclas, impartido por Guillermo Hernández, farase como avance estival do programa de Filosofía Para Nen@s (FpN), que se desenvolverá tamén durante o vindeiro curso. “A FpN é unha das mellores ferramentas pedagóxicas para desenvolver habilidades intelectuais e sociais entre os nenos e nenas de todas as idades a través dun traballo conxunto e dialogado”, explican desde MAUmarela!.

Arquitectura para pícar@s continuará este verán, da man do arquitecto Jon Urbieta, e engadiranse actividades como a escultura e o debuxo, que impartirá a mariñense Lucía Vila, licenciada en Belas Artes e ilustradora profesional de contos infantís. Coñecer, analizar e saber contar o mundo que nos rodea tamén ocupará un lugar destacado, mediante o taller de xornalismo e creación de blogs, que impartirá Celtia Traviesas, co-fundadora de MAUmarela! e máster en Xornalismo pola Universidade de Barcelona. “Queremos espertar a curiosidade e a capacidade para entender e explicar a realidade. Sairemos á rúa facer entrevistas, fotos, reportaxes… Ademais, adquiriremos práctica no uso do blog como nova ferramenta de comunicación cidadá”.

Todas as actividades están programadas baixo criterios pedagóxicos, supervisados por Carolina García, pedagoga especialista en intervención familiar en MAUmarela! que impartirá o taller de Vivencias a través do corpo, traballando cos pícaros no eido afectivo, motriz, cognitivo e corporal.

Ademais, ata o 1 de xullo pódese participar en Facebook para gañar un bono valorado en 350 euros.

Adultos
MAUmarela! tamén organizará tardes creativas para adultos, con talleres “Do it yourself” e Arteterapia.

Exit mobile version