Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentouse en Mondoñedo a XXX Copa Deputación de Fútbol de 2ª e 3ª autonómica

presentacion final copa deputacion futbolLugo, 27 de xuño de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, presentou as finais da XXX Copa Deputación de Fútbol das categorías de 2º e 3º autonómica, nun acto no que tamén estiveron presentes o concelleiro de Deporte de Mondoñedo, Xusto Fernández Haro, e representantes dos equipos finalistas.

O campo de fútbol Viñas da Veiga, en Mondoñedo, será onde o S.D. Santaballés, de Vilalba, e o S.C.D. Santa Comba, de Lugo, disputarán a final da XXX Copa Deputación nas súas categorías, nun encontro que terá lugar este domingo 30, e que dará comezo ás 18:00 horas, e que en palabras de Antonio Veiga “servirá para poñer o broche de ouro á tempada de fútbol na provincia”. O vicepresidente da Deputación desexoulles a máxima sorte aos dous equipos e fixo fincapé en que “a celebración deste torneo é fundamental en canto contribúe a manter os equipos de fútbol destas categorías”.

Pola súa banda, Xusto Fernández Haro agradeceu ao organismo provincial que elixira Mondoñedo para a celebración desta final que “esperamos se converta nunha festa do fútbol na que os afeccionados poidan disfrutar dun bo partido que, de seguro, servirá para a promoción deste deporte nas categorías inferiores”.

A área de Deportes da Deputación achega 95.000 euros para organizar esta competición. Dos clubs deportivos participantes no trofeo, o campión e subcampión da categoría 1ª Autonómica e Preferente Autonómica, foron premiados con 5.000 e 4.000 euros, respectivamente. Ademais, cada equipo recibiu 450 euros por partido xogado. En 2ª e 3ª Autonómica, os premios alcanzarán os 4.000 e os 3.000 euros, e os clubs percibirán 385 euros por partido disputado. Na Copa feminina, os equipos campión e subcampión, recibiron 5.000 e 4.000 euros, respectivamente, así como 450 euros por partido xogado.

Exit mobile version