Site icon Crónica3.com A Mariña

Mulleres de San Ciprián desvincúlase da Comisión Sanitaria local

San Cibrao, 29 de xuño de 2013.- A asociación Mulleres de San Ciprián acordou nunha reunión da súa xunta directiva desvincularse da Comisión Sanitaria local porque non comparte a liña partidista que está adoptando esta plataforma.

Desde a asociación de mulleres local máis numerosa din que as súas asociadas como usuarias dos centros de saúde do municipio seguen considerando que o mellor sería contar con catro médicos como ata o de agora pero que iso non implica participar nun colectivo que está a ser instrumentalizado por determinados partidos e sinalan que, por respecto ás súas asociadas, teñen o deber de adoptar unha postura apolítica.

O colectivo di que a súa decisión inicial de participar na Comisión Sanitaria respondía ao convencemento de que se trataba dun colectivo veciñal, reivindicativo e apartidista pero que nin amparan a politización na que está derivando esta Comisión, nin poden compartir feitos radicais como os acontecidos no último pleno cando se perderon as formas e non se rexeitaron interrupcións, gritos e insultos.

Non asinaron a carta publicada en prensa
Mulleres de San Ciprián tampouco lles parece axeitado que, segundo recoñeceu publicamente un concelleiro do BNG sexa o autor dunha carta, publicada nos medios de comunicación en nome dos colectivos da Comisión, sen nin tan sequera consultarlles sobre o seu contido, nin darlles conta de que tiña previsto asinarse no nome da súa asociación.

Desde Mulleres de San Ciprián esperan que polo ben do interese xeral a mellora dos servizos sanitarios en Cervo poida desvincularse dunha loita partidista e insisten en que con carácter individual as súas asociadas poden decidir se participar ou non nos distintos actos que organiza esa Comisión.

As socias de Mulleres de San Ciprián lamentan que o que comezou coa idea de ser unha plataforma social e veciñal acabe converténdose nun colectivo ao servizo de determinados partidos políticos.

Exit mobile version