Site icon Crónica3.com A Mariña

Non nos representan

L.S.-Quero comezar deixando claro que, como veciña de Cervo, prefiro que nos centros de saúde do noso concello teñamos catro médicos de cabeceira en vez de tres. Defendo os intentos de convencer ao Sergas de que aínda a baixada de poboación reconsidere a súa decisión de eliminar unha desas prazas. Convencida disto participei nalgunha das concentracións e asistín incluso ao pleno municipal onde todos os partidos, sen excepción, incluído o PP, votaron a favor desta reivindicación.

Pero tamén é certo que non estou nada orgullosa do que nese pleno aconteceu. Non comparto, nin me parece xusto, nin tolerante, o comportamento exaltado, gritón e desproporcionado dun grupo de 15 persoas que pretenderon facer quedar mal a 200 cando interrompían e insultaban ós que facían uso da palabra. A inmensa maioría dos que alí estábamos escoitábamos con respecto. Porque antes de falar ou poder opinar temos que saber escoitar.

Eu non quero manipulacións políticas nun asunto tan serio como a saúde. Nin que se nos anime a insultar, interromper ou sembrar odio ou enfrontamentos solo por cuestións partidistas.

Houbo unha minoría ruidosa de persoas, moi definidas politicamente, que tiñan moi claro que o que había era que montar ruído, polémica. Que incluso repartiron cartelitos coa foto dun político concreto e consignas contra un partido concreto. Moitas destas persoas eran familiares de concelleiros da oposición ou incluso a maioría non eran veciños de Cervo. Eu estou encantada de que veña xente de fóra a axudarnos, pero non para esto. Todos queremos unha sanidade pública nas mellores condicións posibles. Pero non que se nos trate como títeres, ou manipule por parte dalgúns políticos ós que agora vailles ben montar barullo. Esas actitudes fan máis dano á nosa reivindicación que ben.

Os que gritaban, insultaban e interrompían, a min, como a moitos veciños deste concello, non nos representan.

L.S.

Exit mobile version