O rexedor relatou que “en principio desde a Dirección General de Marina Mercante existe unha enorme satisfacción por terse trasladado para o novo edificio. De feito o propio director general confirmoume que vai visitar Burela nas próximas semanas para coñecer in situ cal é a realidade que teñen os traballadores, os empregados e os funcionarios de Capitanía Marítima na nova sede, á que por certo se lle está poñendo nestes días unha valla de peche perimetral para evitar que a zona verde que circunda o edificio poida verse afectada polo paso de bicicletas, motos, etcétera”.
González Barcia tamén explicou que “un dos temas importantes que temos en carteira, e aínda que o Concello non ten competencias na materia entendemos que temos que estar ao lado do sector, é o asunto das tripulacións mínimas. Sobre isto houbo avances nas últimas semanas, o asunto agora mesmo está na Secretaría General Técnica do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. Vamos intentar conseguir a documentación pertinente para analizala e a partir de aí desde o Concello evidentemente vamos facer tamén as nosas propostas, atendendo sempre por suposto aos intereses do sector”. O alcalde engadiu que “serán propostas que loxicamente non vamos formular por escrito, porque creo que non procede que o Concello o faga, pero si vamos manter os contactos políticos pertinentes para que as peticións que ten o sector sexan demandadas, senón en todo si en parte, para que poidan faenar nunhas condicións de rendibilidade e de competitividade óptimas”.