“Esta medida vén a sumarse á perda e ao alonxamento dos servizos públicos da cidadanía que xa se vén sufrindo en materias como Sanidade, coa posta en funcionamento da Xerencia Única Hospitalaria, deixando con menos competencias ao Hospital da Costa, ou Facenda, restándolle atribucións á Xerencia Tributaria de Foz, algo que se culminará coa pretendida modificación da Lei de Bases do Réxime Local que condenará a desaparición da maior parte dos concellos do rural”, explicou Ermida.
Desde o BNG denuncian que estas medidas recentralizadoras non só provocarán o alonxamento da Xustiza do pobo e contribuirán a colapsar unha administración que xa está desbordada, senón que conlevarán un impacto incuantificable para a economía local, que xa vén sufrindo tremendos ataques de perda de emprego, consecuencia das medidas de recorte e austeriade que veñen implantando os populares desde o Goberno de Estado e a Xunta de Galiza.
Neste senso, Ermida incidiu en que “o que vilas como Mondoñedo precisan é plans especiais de reactivación económica. Mondoñedo é unha das vilas do norte lucense que máis está a sufrir as consecuencia da crise que provocou o feche de empresa emblemáticas, como, por exemplo, Aglomerados Ecar, a pesar de que ten potencialidades suficientes, como no eido forestal, para reactivar a súa economía, o cal non é posíbel porque non conta coa axuda e compromiso da Xunta e o Estado.”
“Estamos ante un modelo de Estado recentralizador no que o que se fai é alonxar os servizos da poboación, algo que dende o BNG non apoiamos e que trataremos que non se leve adiante porque isto sería o golpe de gracia para acabar coa maioría de concellos rurais, como é o caso de Mondoñedo”, concluíu a responsábel comarcal.